Barbadás repartirá 6.000 euros no desfile do martes de Entroido

Presentación do Entroido de Barbadás. (José Paz)
photo_camera Presentación do Entroido de Barbadás. (José Paz)
O Concello de Barbadás xa presentou o programa do carnaval para o Entroido de 2023

O Concello de Barbadás presentou onte a programación para o Entroido de 2023, que terá como evento central o gran desfile do martes de Entroido, no que se repartirán máis de 6.000 euros en premios para todas aquelas carrozas, comparsas, parellas, tríos e individuos que queiran participar nel. As actividades comezarán xa o vindeiro luns, 6 de febreiro, cun obradoiro de Comadres e Compadres impartido por Sabela Gago nos colexios Filomena Dato e O Ruxidoiro e rematarán o mércores 22 co desfile e a queima dos mecos na Praza Vella da Valenzá.

Os encargados de presentar este evento foron a concelleira de Cultura, Marga Pérez; o concelleiro de Mocidade e Deportes, Abel Cortés, e a tenente de alcalde, Victoria Morenza, na casa da cultura Manuel María de Barbadás. Pérez subliñou que se abriron os prazos de inscrición tanto para o desfile como para o concurso de mecos, “un certame que empezou na época da pandemia e que resultou un éxito; no que a veciñanza, principalmente do rural,  implícase  cada vez máis, poboando de mecos,  as rúas. Dende o concello, queremos seguir coa tradición para recuperar esta figura tan importante dentro do Entroido”. Pérez agradeceu tamén ao centro comercial Carrefour que lle ceda gratuitamente o aparcadoiro para facilitar que “a xente nos visite”.

Abel Cortés destacou que “este entroido tamén facemos unha aposta de ocio para a mocidade, con actividades gratuítas: o sábado 18 teremos un Scaperoom; o 20 teremos un obradoiro de maquillaxe artístico e o luns teremos unha novidosa ‘teenagers party’ na rotonda da Familia, coa actuación de Gramola Disco e de DJ De Melo, que levará asociada unha consumición gratuíta sen alcol”.

Ademais, a hostalaría tamén participará activamente desta festa, coa primeira ruta de pinchos de Bocado de Cocido. Nos establecementos participantes, con cada consumición, ofreceráselle aos clientes tapas diferentes co cocido como protagonista por só un euro a maiores.

Te puede interesar