Berros e choros dos “pecadores” entroideiros de Xinzo, e o morto, “ó caixón”

undefined
photo_camera Os limiaos cumpriron coa tradicion de queimar á sardiña.
Aínda que houbo moita retranca na lectura do testamento da sardiña, os limiaos non puideron agochar a súa tristura real

Ardeu a sardiña en Xinzo un mércores de cinsa máis entre berros de dor e moitas “bágoas” dos entroideiros “pecadores”. Para todos eles houbo un pouco de sátira no testamento que deixou o malogrado peixe: “De tanto que bebestes ides morrer de ardores!” , foron as súas últimas palabras.

A Agrupación Musical da Limia encabezou a procesión do día máis triste do ano na capital limiá: Aínda que os queixumes eran retranqueiros, as facianas longas -reais- non se podían agochar, e é que esta festa é todo un sentimento na vila. Logo da solemne comitiva, procedeuse a dar lectura ao testamento da sardiña na Praza Maior, epicentro da troula entroideira durante o último mes. 

Para rematar, prendeuse o lume á sardiña, que ardeu ao son dos últimos compases musicais do día. 

Sen embargo, o ciclo entroideiro máis longo da provincia non rematou onte, senón que o punto e final ás festas deste 2023 poñerase no Domingo de Piñata. Malia a pena, aínda quedan folgos en Xinzo para unha xornada máis de disfraces e diversión: Este domingo as charangas Los cuatro gatos e BCB e a Orquesta Saudade agasallarán aos limiaos cos últimos bailes. 

Os máis pequenos tamén poderán disfrutar do día de Piñata con actividades infantís, talleres e inchables a partir das 17,30 horas. E que viva o Entroido de Xinzo!

Te puede interesar