Entroido

Entroido, Antroido, Entrudio | O Boteiro de Vilariño de Conso

Neste capítulo de "Entroido, Antroido, Entrudio" visitamos Vilariño de Conso para coñecer "O boteiro", que vai sempre diante do fulión, abríndolle paso, retirando a xente con autoridade pero dun xeito cordial, non emprega xestos violentos, emprega a súa monca sen golpear.

Fátima Estévez leva oito anos vestindo o traxe de boteiro, para ela supón un orgullo moi grande vestir a que é a figura máis importante de todo o entrudio de Vilariño de Conso

Durante o seu ciclo percorren os pobos do concello visitando mesmo aquelas aldeas nas que xa case non quedan veciños. 

Para Fátima todo eso é moi emocionante, di que é a mellor época do ano e goza moito coa ilusión que se respira en cada unha das súas saída. Son sentimentos que non é capaz de describir con palabras, “como que che ferve a sangre”. Aquí pensan no entroido durante todo o ano e a partir do Día de Reis, xa se volve moi difícil controlar esas ganas.

Ela viste o traxe do boteiro de Castiñeira. No concello cada pobo ten o seu boteiro e a máscara de cada un é diferente. Os adornos da pantalla, por exemplo, os de Vilariño levanos de flores de papel pinocho, hai outros que en lugar de ter o contorno debuxado, cúbreno con pel de cabra ou cabrito.

O de Castiñeira é o único que leva pantalón de liño, o resto lévaos de raso, soen ir suxeitos cuns tirantes para que non caian coas esquilas. No cinto van entre dez e doce esquilas. A camisa está feita con metros e metros de lazos de cores fruncidos. 

O traxe, que non é nada barato, coseullo súa nai e a careta fíxolla o pai. Está feita de cartón pedra e a pantalla de fibra de vidro, pintada a man e adornada con flocos e fitas de papel de cores. Un dos elementos que identifica ao boteiro é o bigote. 

O relevo xeracional está asegurando, en cada saída vemos aos máis pequenos xa correndo e presumindo de seren boteiros porque desde que nacen xa o viven no pobo.

Trátase dunha figura que vai ligada ao fulión, van sempre xuntos e non saen en ningunha outra época do ano. 

Non hai rivalidade entre eles, todos se suman aos diferentes desfiles é todos comparten un mesmo obxectivo, diginificar o entrudio da comarca.

Te puede interesar