Pola mañá actuarán os folións e charangas e despois do xantar, concurso de carrozas e disfraces
O Carballiño celebra o vindeiro domingo a 22 Festa da Cachucha, a cita gastronómica de remate do Entroido, á que se sumará nesta edición o desfile de carrozas e comparsas aprazado o martes pasado por causa da choiva. A partir do mediodía grupos de folións e charangas recorrerán as rúas, as prazas e os 29 locais hosteleiros nos que se servirá o menú da Festa da Cachucha. Esta animación correrá a cargo do “Folión de Fradelo”, “Folión dos Arrieiros de Petín” e “Percusión Os da Caña”, así como das charangas “Castro Bello”, “Filantrónika Doctor Anchoa”, “Os Chispas” e “Noroeste”.
O maior aliciente da festa deste próximo domingo é a cachucha, que se poderá desgustar, a partir das 14,00 horas, nos vintenove mesóns e restaurantes do Carballiño que ofrecerán nos seus menús este prezado prato do Entroido, que irá acompañado, como é típico, doutros produtos do porco, ademáis dos grelos, as patacas, o viño do Ribeiro e, por suposto, os dulces propios destas datas.
Cuns prezos absolutamente asequibles para calquera bolsiño, entre os 12 e os 25 euros por persoa, segundo o menú e o establecemento que se elixa, agárdase unha afluencia masiva aos restaurantes, polo que se aconsella efectuar canto antes as reservas correspondentes. "Nesta ocasión, aínda que o tempo ande revolto, haberá pasarrúas de folións e charangas, pola mañá, e desfile de comparsas pola tarde", aseguran as autoridades municipais.
O concurso do Entroido, que se aprazou o martes pasado polo temporal terá lugar a partir das 17,00 horas. Con isto, a XXII Festa da Cachucha, contará con máis cor e animación que nunca, coa celebración do desfile-concurso, que conta cun presuposto de 8.000 euros para premiar ás comparsas. n