A colga do Meco e o fareleiro dan inicio ao Entroido nas Eiroás

Veciños de todas as idades gozaron no barrio de As Eiroás de Ourense desta tradición do Entroido, aínda que predominaban os nenos e os mozos

O Entroido xa chegou á cidade, concretamente ao barrio das Eiroás, que onte ao mediodía inaugurou a troula “entroideira” coa colga do Meco, que dá inicio ao primeiro capítulo da Festa da Pita, que dende hai trece anos anima as rúas desta zona nestas datas. Xa pola tarde, despois desta colga do Meco (que presidirá a praza ata a celebración do Martes de Entroido), ducias de veciños botáronse á rúa, máis concretamente á praza, para pasar a tarde enzoufándose en fariña.

Veciños de todas as idades gozaron desta tradición, aínda que predominaban os nenos e os mozos. Ademais, os participantes fixeron voar os farelos empregando dende as mans a orixinais dispositivos para pasar a primeira das tardes de festa deste mes. Ademais, a charanga Sorcha foi a encargada de poñer o toque musical que non pode faltar nunha boa festa, e menos en Entroido.

A próxima celebración nas Eiroás está programada para o vindeiro domingo, día 12, que será quenda do xogo das olas, que voarán de man en man na praza do barrio ata esnaquizarse en milleiros de anacos ao caer ao chan. Ademais, tanto o venres coma o sábado previos haberá un obradoiro especial de pintado de olas, para que estes tradicionais elementos sexan únicos e característicos. Estes talleres celebraranse no centro comercial Ponte Vella. Neste caso, a música correrá da conta da charanga Alambique. 

Te puede interesar