Un Enterro da Sardiña no Carballiño, crítico coa sanidade

A parodia a cargo de Dar Trela e Aspadisi reivindicou os dous pediatras para Carballiño

O Enterro da Sardiña reivindicou unha mellor sanidade pública no Carballiño. Coincidindo coas xornadas de protesta que se están levando a cabo pola supresión dos dous pediatras do centro de saúde, o grupo de teatro Dar Trela e Aspadisi (Asociación de pais de persoas con discapacidade) recrearon unha divertida parodia, cun político facendo promesas e nenos boicoteando todo o que dicía, entre outros personaxes como as tradicionais choronas ou o bispo, que animaba a cantar unhas coplas ao público asistente, alusivas as carencias sanitarias.

O político portaba unha estrutura cunha sardiña, que foi a que finalmente se queimou na Praza Maior onde se desenvolveu a representación, divertida pero tamén moi crítica sobre un tema candente nestes momentos na comarca do Carballiño. A ambientación musical correu a cargo da charanga Castro Bello e tamén houbo chocolate quente para todos os presentes.

O Enterro da Sardiña supoñía fai algúns anos a despedida do Entroido e séguese mantendo a tradición, aínda que no Carballiño queda por celebrar o Entroido dos Nenos e Nenas, o próximo 24 de febreiro, na Insua dos Poetas, e a Festa da Cachucha, que este ano será o día 25 por coincidir as eleccións no domingo de piñata.

Te puede interesar