Os follateiros visitarán os días 11 e 13 as parroquias de Lobios

Os follateiros no lugar da Cela, en Lobios.
photo_camera Os follateiros no lugar da Cela, en Lobios.
Programación do Entroido en Lobios

Os follateiros e follateiras de Lobios xa teñen programa para o Entroido. Os días 11 e 13 de febreiro, domingo e martes de Entroido, sairán a correr o Entroido polas distintas aldeas e parroquias deste concello na raia con Portugal.

A Cela será o punto de partida na primeira xornada, a do día 11 ás 10,00 horas. Dende a mañá ata a tardiña, os follateiros protagonizarán un percorrido para saúdar e festexar coa veciñanza en un total de 14 puntos do concello, e unha parada especial na capitalidade, ás 13,30 horas, para participar na Feira de Lobios. O Martes de Entroido a saída será, tamén ás 10,00 horas, dende o pobo de Gustomeau. Nesta xornada completaranse os percorridos polas parroquias pola mañá e, pola tarde, os follateiros participarán no desfile de Entroido organizado polo Concello de Lobios. 

Unha celebración, a do desfile, que fontes municipais confirmaban que darán a coñecer nas vindeiras datas. Asemade, para animar a participación no Entroido de Lobios, dende o colectivo veciñal  Grou Eco-Avanza (Clube O noso agarimo) de Grou organizan un “Taller de Entroido”.

Obradoiro

O obxectivo é darlle pulo ao Entroido e animar aos veciños a que se sumen para manter viva a tradición, especialmente á xente nova, guiando na elaboración  de caretas ou, para quen xa a teña, de fabricación do resto de traxe de follateiro. Os obradoiros serán nas instalacións do clube os días 27 de xaneiro e  3 de febreiro,  de 15,00 a 18,00 horas.

Te puede interesar