O primeiro dos cinco folións marca o arranque en Laza

<p></p>
photo_camera Un grupo de participantes fi xo soar os bombos polas rúas da vila.

Dúcias de participantes encheron as rúas do pobo a noite do venres facendo soar chocas e bombos no festexo máis animado dos últimos anos

"Temos un pobo que respira entroido por todos os seus poros", di Manuel Quintas, testamenteiro do burro dende 1987 e unha das persoas que trata de contaxiar a todo o mundo o espíritu do entroido de Laza, un dos máis singulares e que tivo na noite do venres a súa primeira reválida de cara ás datas importantes, xa en febreiro: o primeiro dos cinco folións que se organizan coincidindo con outros tantos venres previos ao do propio entroido.

Segundo varias testemuñas, o deste ano foi un dos folións máis animados e con máis xente dos últimos anos. O de Laza é un caso moi singular porque en realidade as celebracións previas arrancan o día 31 de decembro pola noite, con saída das chocas e outros aditamentos propios desta festa.

O venres pasado celebrábase o primeiro dos cinco folións e a xente saíu á rúa de xeito espontáneo, portando chocas, tambores ou latas, mesmo calquera outro aparello que fixese ruido. Lembra tamén Manuel Quintas que a noite foi longa e que "moitos dos que participaron aínda andaban de troula a eso das sete da mañán".

Polas opinións escoitadas, e recollidas polo testamenteiro do burro, "houbo quen pensou que en vez do folión pequeno era o grande" dado o ambiente que se percibía polas rúas de Laza durante a noite e madrugada. "Espectacular", foi o calificativo máis escoitado onte sábado, presaxiando que os días grandes van a ser este ano especialmente intensos.

Os desexos de meterse de cheo no entroido levan aos habitantes de Laza a non ter que esperar ata o próximo venres para disfrutar do próximo folión. De feito, segundo explica Manuel Quintas, "durante a semana a xente xa se vai disfrazando, vestíndose de máscara". Trátase dunha forma de participar activamente nos días previos ás xornadas grandes do entroido, que serán do 5 ao 9 de novembro. Como sinala Quintas, "o que fai a xente é coller a roupa vella que hai pola casa, e saír de máscaras xa durante a semana".

Te puede interesar