INDUSTRIA

Os parques empresariais galegos renóvanse para atraer investimentos

Vista del Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas.  (Foto: MARCOS ATRIO)

Os parques empresariais teñen un papel destacado no desenvolvemento de proxectos que garanten o impulso económico de Galicia. A aposta por modernizalos para dotalos de mellores servizos para atender a demanda do sector industrial e favorecer a implantación de novas empresas permite a súa consolidación como unha das pezas claves do crecemento económico e da xeración de emprego e riqueza. Con preto de 5 millóns de euros en axudas a concellos, a Consellería de Economía, Emprego e Industria fomenta este ano a mellora de 46 parques empresariais e a creación de seis novos viveiros industriais.

Deste xeito, lógrase reforzar o programa de captación de investimentos cara os municipios e consolidar a fórmula do emprendemento no sector industrial galego. Unha das prioridades é a mellora das comunicacións cos polígonos industriais. Neste sentido, case a metade dos proxectos que se apoian mediante a convocatoria de axudas para a habilitación e mellora de infraestruturas céntranse nas vías de acceso. Para esta orde, concédense en total preto de 4 millóns de euros, que permitirán impulsar 58 proxectos en 46 parques empresariais galegos, mellorando así o servizo que se presta ás compañías xa instaladas ao tempo que se favorece a chegada de novas iniciativas con capacidade para xerar riqueza e emprego. 

Outras medidas que se adoptarán en Galicia para a renovación dos polígonos céntranse na dotación de servizos centralizados de xeración e subministración de enerxía de cara ao aforro e a eficiencia no gasto enerxético, novas plantas de depuración de augas, xestión de residuos, e instalacións de sistemas de seguridade e vixilancia. 
Os concellos galegos conseguiron axudas do 80% do custo final da obra, unha porcentaxe que se podía incrementar ata o 95% no caso de agrupacións ou fusións de municipios galegos. Unha vez finalizados os traballos, teranse realizado a través deste programa 350 proxectos nos parques desde o 2009, contribuíndo así á calidade do solo industrial galego e mellorando as infraestruturas de apoio ao tecido empresarial da comunidade. 

Novos viveiros industriais

O segundo programa de axudas resolto, cun orzamento dun millón de euros, permitirá a creación e posta en funcionamento de seis viveiros industriais nos polígonos galegos. Esta pioneira iniciativa chegará nesta primeira edición aos concellos de Cerceda, Vilanova de Arousa, Cambados, Boiro, Outeiro de Rei e Friol, que habilitarán novos espazos que se poñerán á disposición dos emprendedores do sector industrial a prezos vantaxosos e por un prazo de ata 24 meses. 

O programa inclúe tamén a concesión de facilidades en canto ás condicións e os servizos precisos para a implantación inicial e a consolidación das empresas, que disporán ao mesmo tempo de asesoramento especializado. A aposta polos viveiros industriais enmárcase no compromiso do Goberno galego co emprendemento, cunha estratexia integral na cal se inclúen programas de aceleración como Via Galicia, da man de Zona Franca; Galicia Open Future, xunto con Telefónica; o programa Agrobiotech ou a rede de aceleradoras coa Escola de Organización Industrial (EOI).
Ademais, os dous programas de apoio dos cales se informou hoxe no Consello da Xunta encádranse na Axenda da competitividade Galicia – Industria 4.0, que busca incrementar o peso da industria no PIB da Comunidade en 6,9 puntos ata acadar o 20% no ano 2020, creando 50.000 novos empregos de calidade durante este período.

Índice de produción

A consolidación dos polígonos empresariais galegos ten a súa correspondencia cos datos de produción industrial. Galicia leva 11 meses consecutivos de suba, cun incremento en marzo do 3% con respecto ao mesmo mes do ano anterior, mentres que a nivel estatal descendeu un 1,7%, segundo o último informe publicado polo Instituto Nacional de Estatística (INE).  O dato coloca á comunidade como a terceira de España na que máis creceu o Índice de Produción Industrial, continuando así a tendencia positiva de principios de ano: no primeiro trimestre de 2016, a produción industrial galega aumentou un 6,8%, a segunda mellor cifra, solo superada por Castela e León. De feito, o crecemento en Galicia é de 5,5 puntos por riba da media estatal, situada no 1,3%.

Eficiencia enerxética

Os programas postos en marcha polos municipios en Galicia para impulsar o aforro e a eficiencia enerxética permiten racionalizar mellor o gasto sen diminuír a calidade dos servizos que se prestan, así como adecuar os niveis lumínicos ao uso racional da enerxía. Para colaborar cos concellos tamén neste eido, o Goberno galego pon a súa disposición axudas para a renovación da iluminación de vías públicas, así como para proxectos vinculados cos sistemas de iluminación e de calefacción dos propios edificios municipais. Cun orzamento de 3,5 millóns de euros, estas axudas, que se realizan a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e permiten colaborar cos concellos con ata o 75% do investimento a realizar, buscan beneficiar ao longo deste ano a máis de 70 municipios galegos, que acadarán un aforro económico conxunto de 8 millóns de euros durante os dez primeiros anos de vida útil dos equipos, o equivalente ao consumo anual dunhas 1.350 familias.

Deste xeito, a Consellería de Economía, Emprego e Industria segue adiante coa súa aposta polo aforro e a eficiencia enerxética municipal, así como polo fomento da utilización de fontes renovables. Así, dá continuidade ao traballo desenvolvido durante os últimos 7 anos a través desta liña de axudas, que mobilizaron arredor de 23,2 millóns de euros en máis de 250 concellos, o 80% do total da comunidade galega. Cos proxectos que se puideron levar a cabo, estímase que os municipios aforraron ata un 50% do custo que supón para as arcas públicas a factura eléctrica. 

A principal novidade nesta edición é que a orde se amplía á renovación das instalacións de iluminación interior e de calefacción dos edificios de titularidade municipal; proxectos para os que o Goberno galego reserva un millón de euros. 

Os concellos interesados en solicitar a colaboración da Xunta teñen ata o 18 de xuño para presentar as súas propostas, a través das cales poderán instalar equipos de iluminación e calefacción máis eficientes que permitan acadar unha cualificación enerxética A ou B. A implantación destes novos equipos repercute no aforro enerxético de máis de 4.700.000 kWh/ano, ao tempo que se evita a emisión de 3.000 toneladas de CO2 a atmosfera por ano, unha cifra que equivale a plantar arredor de 153.000 árbores.  Esta iniciativa para mellorar a utilización dos recursos enerxéticos compleméntase co programa de axudas para a instalación de caldeiras de biomasa na administración pública e co asesoramento que desde o Inega se lle presta aos concellos galegos para resolver as súas dúbidas.

Te puede interesar