INDUSTRIA

As pemes galegas impulsan os seus investimentos co programa Galicia 1000

Fortalecer o tecido empresarial e industrial galego é o obxectivo da terceira edición do programa de financiamento Galicia 1000

Deste xeito, impúlsase a capacidade innovadora das pequenas e medianas empresas, así como a súa internacionalización e a súa adaptación á Industria 4.0. Neste contexto, o Goberno galego busca achegar financiamento adaptado ao tamaño, ás necesidades concretas e á situación de cada empresa, centrándose de maneira especial nas pemes. A previsión é que a través de Galicia 1000 se mobilicen en total ata 330 millóns de euros, de forma que ningún proxecto solvente se quede sen o apoio necesario para o seu desenvolvemento.

A terceira edición do programa de financiamento Galicia 1000 dispón dun orzamento superior ao do ano pasado. En concreto, a Xunta incrementa a súa inversión no proxecto nun 10% con respecto a 2015. Os fondos centraranse en impulsar a internacionalización, o emprendemento, a innovación e o reforzo das estruturas empresariais, apoiando aos sectores estratéxicos e emerxentes.
Neste contexto, Galicia 1000 pon o seu foco no crecemento empresarial das pemes e micropemes galegas, reforzando así o tecido produtivo da comunidade; así como na implantación das tecnoloxías e equipos asociados á Industria 4.0, que pivota ao redor da fábrica intelixente.

Este paquete integral acadou importantes éxitos durante os dous últimos anos. Para ser máis precisos, o programa Galicia 1000 contribuíu ao desenvolvemento de máis de 2.000 proxectos na comunidade, o que supuxo a mobilización de 400 millóns de euros nos últimos dous anos.

Para consolidar as expectativas alcanzadas nas edicións anteriores, unha das principais novidades deste ano do Galicia 1000 é a inclusión de Instrumentos Financeiros Innovadores entre as distintas ferramentas das que disporán ás empresas, sumándose a liñas como as de capital risco, os préstamos Jeremie e BEI, ou as liñas de avais.

CARA Á INDUSTRIA 4.0
A nova convocatoria deste programa da Xunta está sobre todo centrada na industria -á que destinará o 67% de todo o seu orzamento-, e de maneira especial á implantación da fabrica intelixente.

Esta actuación vai na liña doutras iniciativas impulsadas desde o Goberno galego, como é o caso do Concurso de Ideas Industria 4.0, ao que se dedicarán 4 millóns de euros para financiar 4 proxectos demostrativos de tecnoloxías relacionadas coa fábrica intelixente; así como a Iniciativa Captación de Investimentos 4.0, que busca captar investimentos industriais en I+D de máis de 50 millóns de euros asociados á Industria 4.0, unha proposta na que a Xunta poderá apoiar con ata o 40% do custo do proxecto.
Todos estes programas autonómicos enmárcanse na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, que ten como gran finalidade a creación de 50.000 empregos industriais ata o ano 2020. Desta forma, o peso da industria no PIB alcanzaría ata o 20% antes de que remate a década.

NOVOS EQUIPOS E DIVERSIFICAR A PRODUCIÓN 
Unha das posibilidades coas que contan as pequenas e medianas empresas para impulsar os seus investimentos empresariais é o programa Galicia Inviste, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Para a execución deste programa autonómico, o Igape dispón de 12 millóns de euros, o que permitirá a concesión de axudas de ata o 35% do investimento aprobado para cada iniciativa empresarial. O prazo para que as pemes poidan presentar os seus proxectos e optar ás axudas está aberto ata finais de ano. En concreto, o prazo rematará o próximo 16 de decembro. 

O Galicia Inviste permitirá a mobilización de arredor de 50 millóns de euros en investimentos empresariais impulsados por pemes galegas. A través deste programa, o Igape apoia proxectos de adquisición de maquinaria ou bens de equipo para ampliar a capacidade de produción, ou para promover a diversificación e cambios esenciais nos procesos produtivos das compañías en funcionamento. 

Ademais, esta convocatoria de axudas tamén apoia investimentos en obra civil ou maquinaria e outros bens de equipo para a creación de novos establecementos ou para a ampliación de instalacións produtivas con alto potencial de creación de emprego.
Estas axudas poderán cubrir desde os 50.000 ata os 900.000 euros, posto que, para financiar investimentos de superior contía, as empresas galegas teñen a posibilidade de acollerse ás axudas habilitadas polo Goberno do Estado a través da liña de Incentivos Rexionais do Ministerio de Hacienda, xestionada en Galicia tamén a través do Igape. 
 

Te puede interesar