TRÁFICO

103 persoas accidentadas nas estradas galegas

En total, 60 accidentes de tráfico rexistrados na rede viaria galega, das que faleceron dez, seis delas no lugar do sinistro atropeladas no Rallie de Carral

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atendeu a 103 persoas durante a fin de semana debido a 60 accidentes de tráfico rexistrados na rede viaria galega, das que faleceron dez, seis delas no lugar do sinistro atropeladas no Rallie de Carral (A Coruña).

Segundo informa o 061, a Central de Coordinación recibiu entre as 15,00 horas do venres 4 e as 23,59 horas do domingo 65 chamadas en relación con accidentes de circulación. Os tres días da fin de semana rexistraron 20 accidentes cada un.

Os recursos sanitarios mobilizados ascenderon a 115. En concreto, as ambulancias medicalizadas acudiron a nove sinistros; o helicóptero medicalizado asistiu unha persoa; as ambulancias asistenciais saíron en 74 ocasións e as convencionais, en 20; mentres que os médicos de Primaria prestaron asistencia en 11 ocasións.

En 78 casos os feridos foron levados aos centros sanitarios correspondentes, en 15 ocasións recibiron asistencia no lugar do incidente sen necesitar traslado e dez persoas faleceron no lugar do sinistro a pesar dos esforzos dos sanitarios.

A proporción de homes e mulleres atendidos situouse no 59 e 41 por cento, respectivamente. En canto ás idades dos feridos, un 34 por cento dos asistidos tiña entre os 20 e os 34 anos.

Pontevedra, con 30 sinistros, foi a provincia que rexistrou máis accidentes durante os desprazamentos da fin de semana; seguida da Coruña, con 20; Lugo, oito; e dous en Ourense.
 

Te puede interesar