Afectados preferentes pechan oficina do NCG na Coruña e preparan protestas

Afectados polas participacións preferentes obrigaron a pechar nesta mañá unha oficina do Novagalicia Banco na Coruña e anunciaron novas protestas para os próximos días.
Na primeira ra hora desta mañá media centenar de afectados polas preferentes presentáronse na oficina do NCG Banco situada na praza da Cubela, no barrio de Catro Camiños, con intención de falar cos seus responsábeis, pois nesta oficina concéntranse numerosos casos.

Ao se decatar da presenza dos afectados, o persoal de seguridade do banco procedeu a pechar a oficina, permanecendo dentro un dos manifestantes en canto no exterior os seus compañeiros esixían con megáfonos e tarteiras unha solución para esta problemática.

A oficina do NCG permaneceu pechada durante boa parte da mañá perante as queixas dos clientes que se presentaron nela.

'A próxima vez non sei se sairemos', alertou á Efe a portavoz da plataforma na Coruña, Ana Cedeira, quen lamentou o 'desprezo' co que os afectados son tratados cando 'deberían pedir perdón'.

Cedeira referiuse tamén á proposta de que as preferentes do NCG Banco sexan pagadas polo Fondo de Garantía de Depósitos (FGD) e advertiu de que podería ser unha manobra para evitar que os afectados estean presentes no consello de administración da entidade ao posuíren, segundo os seus cálculos, 30 por cento da entidade despois da conversión dos seus fondos en accións.

A conflitividade continuará nas próximas semanas, avanzaron, xa que os afectados teñen previstas novas accións de maior repercusión.

Neste mesmo venres está convocada outra concentración fronte á oficina principal do NCG Banco na Coruña.

En Santiago de Compostela, tamén nesta mañá unha ducia de afectados pola fraude na comercialización deste produto financeiro repetiron mobilizacións na praza do Obradoiro, para esixiren unha solución xusta.

Te puede interesar