Na súa mensaxe de Fin de Ano, o presidente da Xunta dixo que Galicia 'ten un horizonte certo'

Feijóo reclama unidade para saír da crise 'antes e con forza'

O presidente da Xunta, durante a súa mensaxe de Fin de Ano ante una imaxe de Rosalía. (Foto: I)
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediulles na súa tradicional mensaxe de Fin de Ano unidade ás forzas políticas 'para saír adiante antes e con máis forza' da crise. O dirixente galego leu o seu discurso desde a casa natal de Rosalía de Castro, en Padrón, para lembrar que o próximo ano se cumpre o 150 aniversario da publicación de 'Cantares Gallegos' e medio século da instauración do Día das Letras Galegas. Núñez Feijóo dixo que 'hoxe todos podemos defender Galicia, cada un desde as súas responsabilidades' e agregou que o seu compromiso é 'defender Galicia desde o Goberno galego'.
O xefe do Goberno galego expresou a súa esperanza de 'poder facelo cada vez con máis achegas, cada vez con máis colaboración, do resto das forzas políticas e especialmente do principal partido da oposición'. Feijóo considerou que 'esa unidade' é demandada polos cidadáns, polo que confiou en que neste novo ano 2013 se poida acadar, para que Galicia 'siga sendo un modelo neste campo'. 'Igual que nos anticipamos en decisións fundamentais, como a eficiencia, a disciplina orzamentaria ou a planificación, por que non facer de Galicia tamén un paradigma de unidade política', preguntouse.

O xefe do Executivo autonómico fixo unha especial referencia aos parados e dixólles que desexa que saiban que 'están presentes en todas e cada unha das decisións que o Goberno galego adopta'. 'Xunto a eles -agregou- libramos unha loita na que contamos coa solidariedade dos que afortunadamente temos traballo nestes tempos difíciles' e asegurou que 'máis pronto que tarde, entre todos, lograremos cambiar a situación'.


ESTABILIDADE

Subliñou que Galicia, cara a fóra, é 'unha comunidade estable, con rumbo seguro e horizonte certo, que camiña ao lado de España e Europa' e, cara a dentro, 'forma unha gran familia unida polos problemas e polas solucións'.

O presidente da Xunta sinalou o prestixio de Galicia que se fai presente no exterior. 'Visto con ollos alleos, o noso país mestura tradición e modernidade' e identificouno co 'emigrante capaz de compartir a fidelidade á súa terra de orixe co compromiso coa súa terra de adopción'. 'Somos -dixo- a gran empresa e a multinacional que innova, que compite, que é fiable'. Na súa opinión, Galicia é tamén 'o pobo que logrou manter e mellorar os seus servizos públicos, pese á incerteza xeneralizada na nación española'.

En referencia a Rosalía, subliñou que 'as negras sombras do noso presente teñen enfronte a sociedade galega que, unida polos vínculos da concertación, a cooperación e o entendemento, é perfectamente capaz de saír adiante'.

Te puede interesar