Guillerme Vázquez porá o seu cargo disposición do conselo do BNG este sábado

O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, porá o seu cargo a disposición do Consello Nacional, tal e como anunciou o pasado martes despois da celebración das eleccións xerais e coincidindo con diversas críticas procedentes de correntes como +Galiza ou o Encontro Irmandiño.
Tras as declaracións do líder nacionalista, Teresa Táboas, que é coordinador executiva do BNG e membro de +Galiza, considerou que, de ser así esta situación, toda a Executiva debería someterse a avaliación e chegou a propoñer a creación dunha xestora para que organice a asemblea nacional.

Esta demanda desmárcase da liña oficial de +Galiza, que a través do seu coordinador xeral, Carlos Aymerich, afirmou en días pasados que non se debería 'perder un segundo' na posta a disposición do cargo de Guillerme Vázquez e quen rexeitou a creación dunha xestora, posto que, segundo a súa interpretación, a Executiva 'xa está en funcións' dende que se convocou a asemblea.

Non é a primeira vez que non coincide coa liña oficial de +Galiza, xa que cando o consello Nacional votou o aprazamento da asemblea nacional -previamente convocada para o mes de outubro-, Táboas mostrouse a favor de trasladala para despois das eleccións xerais.

Neste contexto, o Consello do BNG someterá a avaliación o cargo de Guillerme Vázquez, que conta co respaldo da plataforma Alternativa pola Unidade -auspiciada pola UPG- a través da cal accedeu ao posto actual. Fontes da UPG consultadas por Europa Press manifestaron que mantén o seu respaldo ao voceiro nacional e aseguran que a decisión adoptada foi 'persoal' do voceiro e comunicadas a posteriori.

Pola súa banda, o Encontro Irmandiño -o partido que lidera Xosé Manuel Beiras- reclamou, en días pasados, a 'dimisión' da Executiva en pleno aínda que só queden dous meses para a celebración do plenario da asemblea, o 28 e o 29 de xaneiro.

AVALIACIÓN XERAIS

A reunión do conselo tamén servirá para someter a debate os resultados electorais do pasado domingo, en que o BNG conseguiu manter os dous representantes no Congreso e unha porcentaxe de votos similar, se ben experimentou un retroceso en máis de 30.000 sufraxios.

Aínda que a avaliación oficial é que os datos son 'bos', tanto +Galiza como o Encontro Irmandiño son críticos coa valoración realizada e establecen a necesidade de recuperar os apoios históricos que conseguira o BNG.

O Consello Nacional coincide coa Convención Nacional de +Galiza, que designará como o seu 'referente' nas negociacións do proceso asambleario do BNG ao voceiro do Grupo Parlamentario do BNG, Carlos Aymerich.

Te puede interesar