DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Milleiros de persoas saen 
ás rúas en defensa do galego

Queremos Galego pretende que a lingua do país "este presente na nosa vida os 365 días do ano"

Millleiros de persoas percorreron na calurosa xornada de onte, co gallo do Día das Letras Galegas, as rúas das sete principais cidades e do municipio de Foz (Lugo) para lanzar proclamas en defensa da lingua propia e censurar a política que nesta materia aplica a Xunta. A pancarta da plataforma Queremos Galego, convocante da marcha, foi común en todos estes núcleos, 'Un paso adiante e outro adiante, Galiza! Defendamos o noso idioma' e as protestas coincidiron en horario co acto que a Real Academia Galega (RAG) celebrou na Casa Habaneira de Guitiriz, onde se lembrou ao poeta de Vilariño Xosé María Díaz Castro.

Esta manifestación "expansiva" contou co apoio das forzas da oposición no Parlamento, así como de movementos sindicais e de diferentes colectivos culturais e estudantís. O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, destacou como novidade que este ano "se multiplicaron ata oito" as ubicacións para reivindicar que o "galego estea presente na nosa vida os 365 días do ano" e non se saque "unicamente como un ritual cada 17 de maio a paseo".

Na actualidade, é unha lingua que está "enferma, maltratada e desprestixiada" pero pola que está disposta a loitar "moita xente, a participar no seu uso, difusión, e promoción, e iso é o que nos ten que alegrar porque é o que pode reverter a situación actual na que o galego por desgracia non ten a presenza que lle corresponde lexitimamente na nosa sociedade ao ser a lingua propia do noso país".Esta arenga é, precisamente, a contida no manifesto do 17 de maio deste 2014.

O escritor Suso de Toro lamentou o xuízo que se iniciará o vindeiro martes contra 12 independentistas para os que a Fiscalía pide 45 anos de prisión en total e máis de 30.000 euros de multa pola súa implicación nos altercados que se produciron en febreiro de 2009 tras unha manifestación convocada por Galicia Bilingüe na que participou UPyD.

Te puede interesar