GALICIA

Pais e nais separados impulsarán unha iniciativa lexislativa popular a favor dunha lei de corresponsabilidade

Calculan que se producen 8.000 separacións anuais en Galicia e alertan sobre a vinculación entre familias monoparentais e pobreza infantil

A Asociación Galega de Pais e Nais separados aspira a impulsar unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que dea como resultado a aprobación dunha Lei de Corresponsabilidade Parenteral como a que xa existe en País Vasco, Valencia, Cataluña, Aragón e Navarra. "Comparando resultados de custodia compartida en lugares onde xa teñen lexislación, van polo 30% mentres que en Galicia non chegamos ao 10%", sinalou o presidente da Asociación, Lois Toirán.

Con motivo da celebración en Pontevedra dunha xornada sobre custodia compartida, Toirán explicou que o obxectivo desta organización é "asegurar que os pais e nais que queiran educar os seus fillos en igualdade de condicións, despois dunha separación, o poidan facer".

En declaracións a Europa Press, o presidente da Asociación denunciou que esa situación "actualmente non se dá, e sen razoamentos" por parte dos xulgados, a pesar de tratarse dun "dereito fundamental", engadiu.

Segundo a Asociación Galega de Pais e Nais separados, prodúcense 8000 separacións anuais en Galicia e, como consecuencia, "case sempre" é a figura do pai a que resulta apartada da custodia. Toirán atribuíu a "prexuízos" a decisión de que a eses "miles de nenos se lles negue o dereito ás dúas familias".

Sobre a repercusión social que carrexaría, Lois Toirán puxo como exemplo un estudio realizado en Reino Unido segundo o cal "máis do 30% dos nenos e nenas perdía o contacto cun dos proxenitores, algo que socialmente non era asumible" nese país por consideralo un síntoma dunha "sociedade enferma".

ABERRACIÓN

Así, o presidente da Asociación Galega de Pais e Nais separados cualificou de "aberración social" que un neno ou unha nena estea cun dos seus pais "en plan padriño, tío afastado ou parente" e reclamou que esa relación sexa "en igualdade de condicións" que o outro proxenitor. "E se algún xuíz ten algunha sospeita, aí está o Instituto de Medicina Legal", engadiu.

Dende a Asociación precisaron que non reclaman unha aplicación "automática" da custodia compartida, senón "caso por caso", argumentando que pode haber exparellas nas que "o ou ela carece de habilidades que o incapacitan". Pola contra, "cando polo menos un dos dous quere, ten que existir esa posibilidade", insistiu Toirán.

Outro dato que manexa a Asociación Galega de Pais e Nais separados refírese á existencia de máis de 2500 familias monoparentais novas no ano 2013. "Quérennos facer entender que todos eses pais se desentenden e é falso", asegurou o seu presidente acerca dos proxenitores que non obteñen a custodia. Ademais, alertou sobre a relación entre pobreza infantil e familias monoparentais, "que en Galicia son nais con nenos".

MEDIACIÓN

Por outra banda, Lois Toirán mostrouse partidario de fomentar o servizo de mediación e avogou por "cambiar a mentalidade" cando se produce unha separación: "Afloran miserias e hai persoas que se encargan de que iso non cambie", en alusión ao "papel que fan determinados avogados", o que resulta "terriblemente prexudicial" para un neno ou nena, advertiu.

No caso de País Vasco, explicou, "a primeira sesión é obrigatoria, para coñecela, e seguir é voluntario". A Asociación calcula que "máis da metade" das nais e pais separados que acoden á mediación "chegan a acordos", que non necesariamente son acordos "totais", senón "parciais", relacionados con aspectos concretos do coidado e atención aos menores.

Coa decisión de pasar da protesta social á acción concreta, seguindo o exemplo das 80.000 sinaturas conseguidas no País Vasco a favor da ILP, a Asociación Galega de Pais e Nais separados mantivo xa contactos previos con partidos políticos como AGE, BNG ou PP, ademais de abrirse a novas formacións como as Mareas e Cidadáns. "Será un traballo duro e prolongado", augurou Lois Toirán, "pero vai dar o seu resultado".

Te puede interesar