Queremos Galego cifra en cinco millóns o gasto da Xunta para 'reducir o idioma'

O voceiro da plataforma Queremos Galego, Carlos Callón, cifrou onte en 'cinco millóns de euros' o gasto executado pola Xunta durante o primeiro ano de Goberno do PPdeG para 'reducir a presenza do galego' en diferentes ámbitos da sociedade. Acompañado do secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, e dun grupo de pais e nais, Callón afirmou que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria 'tirará 190.000 libros de texto' con vida útil de dous anos 'por estar escritos na lingua propia de Galicia', no marco do proceso de adaptación do material escolar ao decreto do plurilingüismo.
En concreto, sinalou que a Asociación Galega de Editores estimou en '3.800.000 euros' o custo deses manuais que, sumado ao cambio de cartelería das galescolas (40.000 euros), o custo da primeira consulta aos pais (160.000 euros) e a próxima campaña de promoción do novo decreto (1.000.000 euros), se eleva 'a cinco millóns' o gasto 'para reducir a presenza do galego'.

'Tiran diñeiro simplemente porque hai libros de texto na nosa lingua propia', lamentou o voceiro da plataforma pola lingua galega, quen recordou que o texto do decreto foi aprobado polo Executivo galego 'contra a opinión das asociacións estudantes, de asociacións educativas, movementos de renovación pedagóxica, sindicatos e ANPAs'.

Te puede interesar