Os ‘populares’ apostan porque goberne a lista máis votada porque Touriño ‘nunca gañou a Fraga’

Quintana pídelle ao PP algo máis que boas intencións tras a moción de censura en Mos

Anxo Quintana. (Foto: Vicente Pernía)
Tras a moción de censura en Mos, o líder do BNG, Anxo Quintana, valorou que o PPdeG lles abrise un expediente disciplinario aos seus concelleiros, pero reclamou ao Feijóo ‘solucións’.
O vicepresidente da Xunta e voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, considerou onte que ‘está ben’ que o PPdeG abrise expediente disciplinario e enviase ao comité de seguimento do Pacto Antitransfuguismo a moción de censura levada a cabo en Mos (que levou á ‘popular’ Nidia Arévalo á alcaldía) pero reclama ao líder do partido, Alberto Núñez Feijóo, ‘solucións’ e ‘explicacións’. Anxo Quintana xulgou ‘pouco efectivas’ as manifestacións do PPdeG en contra da moción. ‘De declaracións e boas intencións imos sobrados’, apostilou.

Deste modo, o dirixente nacionalista recalcou que ‘non é o primeiro caso que sucede así’ e incidiu en que ao PPdeG ‘isto o debería facer reflexionar’, posto que ‘non é un concello calquera que o señor Feijóo des coñecese’ e ‘non é unha situación da que non estivese ao corrente’. ‘E aínda así pasou o que pasou’, recriminou o líder do Bloque, quen acusou a Feijóo de coñecer a situación que ‘dende hai meses’ se estaba a fraguar’ e de non emprender medidas ‘efectivas’.

‘Bombeiro pirómano’

Anxo Quintana recordou que o presidente do partido da oposición ‘visitou Mos durante o proceso’ en que naceu a moción de censura, apoiada nun concelleiro tránsfuga do PSdeG. Así, o nacionalista ilustrou con que ‘non se pode actuar como bombeiro pirómano e, cando se declara un incendio, berrar socorro’ e concluíu que ‘este é o resultado’ dunha actuación da que ‘Feijóo é responsable’. ‘Os veciños de Mos máis que golpes no peito, necesitan solucións’, sentenciou. O líder do BNG realizou estas declaracións na presentación do libro ‘Vontade de nación, conversas con Anxo Quintana’, escrito por Xosé Luis Barreiro e que se presentou onte en Santiago. Nel recóllese a traxectoria persoal e, sobre todo política, do nacionalista, nunha homenaxe aos ‘bloqueiros’, que non ‘son sectarios, pechados nin túzaros’.

Mentres o líder do BNG realizaba estas declaracións, o alcalde de Vilanova de Arousa (PP), Gonzalo Durán, aseguraba que é ‘inadmisible que os socialistas se rasguen as vestiduras por Mos cando Touriño é o perdedor das autonómicas’. Durán insistiu en que ‘en cumprimento do sentido común e do valor democrático’ é preciso reformar a lexislación electoral para que sexa a lista máis votada a que goberne’ e criticou que ‘dende ningún partido nin dende a propia Fegamp (Federación galega de municipios e provincias) se elevaran voces’ sobre o asunto.

‘¿Quen ten dereito a gobernar?, ¿quen gañou as eleccións no Grove ou en Mos?’, preguntou o rexidor de Vilanova, que avoga por ‘darlle unha patada ao debate’ sobre o Pacto Antitransfuguismo para que saia á luz o ‘problema da lei electoral’. Ademais, Durán lembrou que o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, ‘nunca lle ganou as eleccións a Fraga’, polo que lle pide que ‘deixe gobernar’ á lista máis votada.

Te puede interesar