Os senadores poderán utilizar o galego escrito e falado na Cámara

A Comisión de Regulamento do Senado aprobou onte a ampliación do uso das linguas autonómicas co apoio de todos os grupos salvo o PP, que acusou aos socialistas de cambiar de posición cos anos e de aceptar esta proposta por 'debilidade' ante os partidos nacionalistas e a 'presión' do PSC. A reforma será ratificada polo pleno da Cámara o próximo mércores e entrará en vigor o ano que vén.
O Regulamento da Cámara permitirá que os senadores poidan presentar todo tipo de escritos e iniciativas en catalán, euskera, valenciano e galego, e empregar estas linguas na defensa e debate das mocións nos plenos.

En canto ao custo da novidade, os defensores da proposta insisten en que será asumido polo presuposto actual da Cámara sen aumentalo 'nin un euro'.

Só o PP se mantivo hoxe en contra da iniciativa, da constitucionalidade da cal dubida aínda que non ten pensado recorrer ao alto tribunal, segundo aclarou Rosa Vindel ao termo da Comisión. A senadora do PP defendeu tres emendas para baleirar de contido a proposta, que considera 'incomprensible' e coa que se impón, dixo, 'o interese duns poucos sobre o interese xeral'.

Subliñou que a Constitución 'distingue sen ningunha dúbida' as zonas xeográficas nas que estas linguas son cooficiais e que para o conxunto do país o idioma oficial e único é o castelán. Engadiu que a 'primeira función' das Cortes Xerais é 'representar o pobo español' e que a súa actividade polo tanto debe 'desenvolverse en termos accesibles a todos os españois'. Doutro modo, concluíu Vindel, se 'furta' aos cidadáns o dereito de comprender de primeira man o traballo do Senado.

Te puede interesar