CJC, ¡qué grande!

camilo_jose_cela_result

Segunda edición que ven da man de Paco López Barxas e José Antonio Perozo, que viu a luz co gallo do centenario do nacemento do escritor de iria flavia

Non sei como tería sido CJC “persoa”. Nunca o tratei. Mais quero dicir que con poucos escritores, galegos ou non (Cela, obviamente, érao) teño disfrutado tanto. Aclaro isto porque agora que o de Iria Flavia está nese “purgatorio”, segundo Torrente Ballester (outro galego grande), inevitable para os escritores nos anos logo da súa morte, observo un certo distanciamento, cando non ninguneo, crítico cara a obra ¡e a persoa! de Cela. Alguén ten dito que ser famoso é que quen non te coñece de nada diga de ti que es un parvo. Ou como se di en Ferrol, un conacho. Por iso este introito a un libro que se reeditou no centenario do nacemento de CJC. Cun alarde tipográfico, capa dura, etc., que non tivera na súa primeira, e moi meritoria, saída (cando Don Camilo, ainda non “o do premio”, comprira os oitenta anos). Segunda aclaración miña, eu estou nel como colaborador. Isto debera, se cadra, suprimir a miña glosa aquí del. Mais a cousa é que poisque o meu labor, para o caso, non e crítico senón de simple loador dun traballo fermoso, igual non vou errado ao falar (moi ben) del.

E agora engadirei que a edición vén da man dos moi bulidores Paco López-Barxas (de Ponte Barxas, Ourense, si) e J. A. Perozo, un galego de Llerena (Badaxoz). E que conta cun prólogo de Darío Villanueva, outro galego grande, director da RAE. Entre dos colaboradores hai un grupo importante de paisanos. Algúns xa ceifados pola da gadaña; así Mariano Tudela, tan intimo de Cela que acabara semellándose a el, mesmo no aspecto físico, ou Domingo Garcia Sabell, outro do que se ten falado barato, esquecendo o seu rol de médico humanista (na liña de Marañón ou Rof Carballo) e finísimo ensaísta, exemplar o seu ensaio sobre James Joyce ou o erotismo contemporáneo. Logo, sigo a falar de galegos, neste caso vivos, aparecen Basilio Losada ou César Antonio Molina. De fóra de aquí atopamos, entre outros, a Josep María Castellet ou Fernando Huarte Morón, un dos moitos secretarios de Cela. Como tamén o fora Caballero Bonald, quen no seu libro, Examen de ingenios carga contra quen tanto o favorecera. Cal fixera Umbral case que recén morto Cela. Guerras ou guerriñas literarias. Este libro, en cambio, é de paces. Concitadas ao redor dun belixerante.

Te puede interesar