Hannah Arendt e o holocausto de Eichmann

Eichmann
photo_camera Eichmann

Hanna Arendt estuda neste ensaio as causas que levaron ao Holocausto e o papel que xogaron os concellos xudeus en tal xenocidio, cuestión que, no seu tempo, foi obxecto dunha iracunda polémica

En paralelo con este libro, ben recente unha nova edición en peto, anda por Netflix un documental sobre o xuizo a Eichmann en Xerusalén, que eu seguira de cativo, fascinado na revista “Blanco y Negro”, que informaba do de fóra e desinformaba do de casa. Eichmann fora secuestrado en Buenos Aires polo “Mossad”, en 1960 e aforcado dous anos despois, en Israel, logo dun xuizo retransmitido en directo. Eichmann, seica, dixera como palabras derradeiras, logo de vitorear a Alemaña, Austria e Arxentina: “Deica logo, cabaleiros, verémonos axiña”. Resulta chamativa a enteireza coa que o nazi, culpable da morte de dous millóns e medio de xudeus, como cachimán (obediencia debida, eis a explicación do seu comportamento) da chamada “solución derradeira”. Unha serenidade apenas alterada por un tique na súa boca. Todo moi ben contado, documentación exhaustiva, por Hanna Arendt, quen fora a Xerusalén cubrir o proceso, e dera testemuña del nun libro tan exemplar como vivo. Catalogado a día de hoxe e, como digo, en edición de peto, en Debolsillo. E o conto é que a Arendt, autora dun libro de modernidade absoluta, baseado nas crónicas que sobre o xuizo fixera para The New Yorker, que debera ser de estudo obrigado para quen desexe facer crónicas ou reportaxes histórico/ políticos nesta altura, non evitou mencionar a complicidade de seitores xudeus cómplices dos seus verdugos. Chegando algún deles ocupar o posto de executores na terrible trama. Isto, unido a que Hanna Arendt, ela mesma de orixe tedesca, apátrida logo que fuxira da fogueira nazi cando esta comezaba sementar horror en Alemaña, avogaba por un Israel xudeu-palestino, provocaría a xenreira de sionistas contra dela. Mais o importante desta autora, e por iso a perennidade do seu opúsculo, é a súa capacidade analítica xunto co seu aquel sintetico que fai de “Eichmann en Jerusalen” un libro exemplar. Unha das obras máis importantes ao redor do nazismo, un tema que non cesa, cal o raio aquel de Miguel Hernández. Un fenómeno xordido nun país cultísimo, no que un miñaxoia como Adolf Eichmann, un pobriño sen apenas formación, un tipo sen forza física nin intelectual, podía dispoñer da vida, e morte, de millóns de seres indefensos.

Te puede interesar