Chus Pato, poesía da vida

A vida, a morte, nacer, o amor… forman parte da esencia da vida e son os vimbios cos que Chus Pato vai tecendo os seus poemarios

Ocupou en 2017 a mesma cadeira na Real Academia Galega que anteriormente fora de Francisco Fernández del Riego, pero tamén de dous ourensanos coma ela: Florentino López Cuevillas e Xosé Fernández Ferreiro. Chus Pato (Ourense, 1955), escolleu Ourense para o seu ingreso na Real Academia, no paraninfo do instituto no que estudiara Cou. A súa é una poesía innovadora e ao mesmo tempo intensa, fiel reflexo da paixón coa que se entrega a una creación da que xa ten publicados doce libros, moitos deles traducidos e lidos en numerosas linguas. A súa voz, con versos do seu poemario “Secesión”, están nos fondos sonoros da Woodberry Poetry Room da Universidade de Harvard. 

SE LLE PIDO QUE ME FALE DOS SEUS RECORDOS DE INFANCIA, CAL SERÍA A IMAXE QUE LLE VIRÍA A MENTE?

Vivín ate os dez anos na rúa Santo Domingo e teño esa imaxe pétrea das casas de granito de Santo Domingo e daquelas rúas da cidade, pero tamén teño a imaxe, da rúa Valle Inclán na que vivín a partires dos dez anos, aínda de terra. Lembro a feira cando se facía no parque de San Lázaro e as vacas subían por Bedoya Tiven a sorte de ter dúas aldeas, unha moi próxima, en Almorfe, onde o meu pai se criou, e outra na Limia, porque a miña nai era de Trasmiras. Pasei moito tempo coa miña avoa en Trasmiras. Tanto a Ribeira de Almorfe como A Limia están moi presentes nos meus poemas. E logo, pasaba os veráns en Canido. Así que teño a lembranza dese contraste entre ese entorno da parte vella de Ourense, en pleno franquismo e a apertura que para min era Vigo, a que eu consideraba a gran cidade porque ademais tiña tranvías. Porque os tranvías, o mar e as Cíes conformaban para min a imaxe dunha gran cidade.

E LOGO CHEGOU A UNIVERSIDADE. QUE LLE LEVOU A ESTUDIAR HISTORIA?

Tiña claro que quería facer unha carreira de letras pero non unha filoloxía. Non tiña interese en estudiar literatura. Antes había os cursos comúns de Filosofía e Letras e logo facíase a especialidade pero a miña foi a primeira promoción na que o estudio era xa dende o primeiro curso na carreira que escollías. Lémbrome que fora un curso estraño, ao que se lle chamou o “Ano xuliano”, porque o ministro de Educación, Julio Rodríguez, decidira que o curso escolar na universidade coincidira co ano natural e en vez de no mes de outubro de 1973, as clases comezaron en xaneiro de 1974. Ao ministro o cesaron e volveu todo ao calendario normal polo que aquel primeiro curso rematou igualmente en xuño. Así que fun a estudiar a Santiago o primeiro curso de Xeografía e Historia, fixen os dous seguintes en Ourense e xa de novo en Santiago a especialidade que foi en Historia Contemporánea.

TEÑO ENTENDIDO QUE FIXERA UNHA TESINA SOBRE O MOVEMENTO OBREIRO EN OURENSE.

Certo. E pasei horas e horas na Región na hemeroteca. Foi moi agradable aquela experiencia. Traballei logo nunha academia en Ourense e o meu primeiro destino xa como profesora de instituto foi en Bande. Logo estiven en Muros e xa despois en Lalín.

LEMBRA CAL FOI O SEU PRIMEIRO LIBRO DE POESÍA QUE MERCOU?

Mercara dous. Estaba en Vigo, esperando o Vitrasa para ir a Canido, e na librería Cervantes, xa desaparecida, merquei A estación ao inferno de Rimbaud e A viaxe ao país dos Tarahumaras de Artaud. Tiña catorce anos e non sabía nin quen era Rimbaud nin Artaud. Mirara aqueles escaparates e gustome o dos Tarahumaras porque tiña unha portada que se parecía a do disco dos Beatles Yellow Submarine e o outro era un libro negro dos de Visor. Non entendín nada pero tiña xa unha predisposición á poesía.

“URANIA” FOI O SEU PRIMEIRO LIBRO PUBLICADO, EN 1991 PERO NON O PRIMEIRO ESCRITO.

Xa tiña outros escritos antes pero na época que vivía en Ourense non tiña contacto co mundo editorial. Decido publicar Urania despois dun accidente que tiven nunha viaxe por Grecia. E publiqueino pola miña conta.

PODEMOS PENSAR QUE A SÚA POESÍA ESCAPA DOS CAMIÑOS CONVENCIONAIS?

Aí hai moito que matizar. En Galicia como en calquera outro sistema literario, hai instancias canonizadoras que apostaron pola que daquela coñecíase como a poesía dos oitenta. Pero antes están Ferrín, Rompente, Cunqueiro e Manuel Antonio, polo que a miña poesía non é nada estraño o que pasa é que forma parte dunha corrente que non é a que máis gusta neste país. O canon se fai a base de poetas que o rompen. Non é so un fenómeno en Galicia. Sucede en toda a península, incluíndo Portugal. Se valoran cousas que repiten modelos.

“SONORA” E O SEU DUODÉCIMO LIBRO.DIRÍA QUE É UNHA PRODUCIÓN EXTENSA OU CURTA?

Creo que é unha produción densa. A diferencia da narrativa, na que os textos son longos, os poemas son máis curtos. Pero escribir poesía, e falo por min, é dunha intensidade moi forte. Nos períodos nos que escribes tes que estar atento a todo. De repente hai algo que fixa esa atención e que pode ser calquera cousa. Eso que te asombrou empeza a expandirse, fas un poema, dous, tres... e algo moi intenso. O complicado da poesía é soportar esa intensidade e facela compatible coa vida. Na poesía hai trances. Tardo, de media catro ou cinco anos en publicar un libro novo.

CANDO DA POR REMATADO UN LIBRO?

Cando non se aguanta máis. “Sonora”, que é o último libro publicado, comezo a escribilo cando falece a miña nai. As meditacións que guían “Sonora” son sobre o parto, a xustiza e a morte. Miña nai falece en setembro de 2018, en outubro vou a Guayaquil e alí aparece o primeiro poema. Comeza o proceso pero previamente teño que librarme do libro anterior, facer espazo no corpo e facerlle sitio a un novo corpo poético. 

COMO ORGANIZA OS POEMAS, POR EXEMPLO, EN “SONORA”?

No caso de “Sonora” está estruturado en nove ondas, como as ondas da Lanzada, pero tamén as ondas que se forman nunha lagoa de orixe glaciar cando algo cae nela. A primeira onda que se chama Talismán é o primeiro ano de loito pola morte da miña nai. A segunda, chámase Salvoconduto e o segundo ano. Despois xa non se sigue un orde cronolóxico e a derradeira onda se chama “Esta negación tan vermella”. É unha historia que ten que ver coa liñaxe que arranca nun pasado moi remoto e no libro aparece unha muller que eu chamo Madre Simia que aínda non sabe falar porque é unha simia pero que ten a miña xenética. Durante catro anos estiven moi atenta a esas cousas, a morte, o nacemento, a estirpe na que agora, trala morte da miña nai estou eu na rompente.

QUE FAI DA POESÍA UNHA CREACIÓN TAN TRANSCENDENTE?

A poesía fala do que te enmudece polo asombro. Para min, a poesía comeza cando te quedas sen palabras. Pasa cos grandes temas que son a vida, o nacer, a morte e o amor. 

Te puede interesar