O calendario para o 2022 de Castrelo do Val crea polémica polo decreto do gando

calendario 2022 castrelo do val
photo_camera La foto del calendario del Concello.
A oposición considera a imaxe do calendario unha broma de mal gusto 

Continúa a polémica en Castrelo do Val pola ordenanza municipal reguladora do paso, tránsito e estancia de gando en zona urbana, o que pode supor multas de ata 750 euros se os propietarios do gando non limpan as vías públicas por onde pasan os animais. Este decreto, que como explicou o alcalde, Vicente Gómez, “só busca ter unha norma a que botar man se temos algún conflito”, supuxo un aluvión de críticas cara o Concello debido a que Castrelo é un municipio rural.

Desta vez, a disputa xorde co calendario para o 2022 que lanza o Concello, cunha imaxe de cabras nun prado, que dende a oposición consideran “ou unha ironía e broma de mal gusto, ou é que xa o tiñan preparado e non retrocederon”. Así o explica María del Carmen Manso, concelleira polo PP, engadindo que “a todos nos gusta ter o entorno limpo, pero é bo saber onde vives e aquí vívese do rural”.

Os veciños están preocupados pola situación. En Campobecerros aseguran que “esto aféctanos a todos, entendo que se houberan granxas moi grandes a ordenanza tería cabida, pero así… Intentamos telo todo limpo, pero isto pode perxudicarnos e vivimos do rural”.

Ante as críticas, Gómez volve a reiterar que “non estamos pensando en fastidiar á xente, nós tan só pedimos algo de civismo e colaboración por parte dos gandeiros, que moitos xa son coidadosos”, concluíndo que “o calendario non ten nada que ver co tema”.

Te puede interesar