cultura

Camiños sonoros levará a música aos xardíns do Castelo

Xóvenes músicos de Ourense e Coruña interpretarán un repertorio clásico no entorno do edificio

Durante esta fin de semana a música clásica soará en distintos entornos do concello de Monterrei da man dunha nova entrega de Camiños sonoros, o ciclo da Consellería de Cultura que busca impulsar o Camiño de Santiago ante a proximidade do Ano Xacobeo. 

Nesta ocasión serán mozos procedentes dos conservatorios de Ourense e A Coruña os que interpretarán todo un repertorio de temas clásicos nos xardíns do Castelo de Monterrei. A primeira cita será hoxe, ás 20,00 horas, cun cuarteto de flauta, fagot, clarinete e trompa, que interpretarán pezas de Rossini e Jadin. 

Este sábado, a partir das 20,00 horas, será a quenda dun quinteto de oboe, clarinete, fagot, trompa e flauta, e un programa integrado por pezas de Dvorak, Mozart,  Taffanel e Favre. Neste mesmo concerto participará Giuliano Lancelotti, alumno da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia que, xunto aos actores Ricardo Solveira e Nuria Gullón, está impartindo clases a algúns dos mozos dos conservatorios sobre dramatización e interpretación musical. 

A última sesión da fin de semana en Monterrei será o domingo, tamén ás 20,00 horas, cun concerto de guitarra onde será posible disfrutar de pezas de Bach, Tárrega, Villa-Lobos e Morel.

Te puede interesar