Medio ambiente

Chaves súmase á defensa e preservación do Támega

A Cámara lusa confirma que realizou análises logo da vertedura en Laza

A vertedura rexistrada no Támega o pasado luns vai camiño de converterse nunha cuestión de Estado. Non só o Concello de Verín está a obter toda a información precisa para emprender accións no caso de certificarse que a acumulación de lodo nas augas do río tivo unha causa directa nas obras do AVE en Laza; Confederación Hidrográfica del Duero tamén realizou as súas tomas de mostras e avaliou os danos rexistrados, así como mesmo o Seprona investiga os feitos e consecuencias. 

Pero non son os únicos. Chaves é o primeiro dos municipios lusos que tamén comparte as augas do Támega, e onte pola tarde, dende a propia Cámara Municipal confirmaban a realización de analíticas nada máis ter conta do acontecido en Verín e, como ocorre no municipio ourensán, agardan a que cheguen os seus resultados para "providenciar outras dilixencias", apuntan.

Hoxe será tamén un dos puntos da orde do día, aínda que non oficial, da asamblea xeral da Agrupación Transfronteiriza Eurocidade Chaves-Verín. 

A vertedura no Támega chegou tamén ó Parlamento de Galicia. O deputado ourensán da formación En Marea, Davide Rodríguez, vén de rexistrar una pregunta á mesa do Parlamento de Galicia na que lle inquire á Xunta polas medidas que o Goberno galego ten previsto iniciar en resposta ás verteduras no río Támega. 

Segundo o parlamentario, "tanto a veciñanza como distintas asociacións teñen denunciado as UTEs (Unión Temporais de Empresas) responsables e as administracións competentes, que deben velar pola saúdo do río e as persoas da zona. Durante os últimos cinco anos, o único que se conseguíu foi dúas pequenas multas", apunta. 

Rodríguez solicita nese escrito información sobre as medidas sanitarias e medioambientais que porá a Xunta para restablecer as condicións óptimas do Támega, así como aquelas de orde sancionadora coa empresa responsable das verteduras.

Te puede interesar