ENTREVISTA

Gregorio Díaz: "A calidade de vida aquí é maior, é todo moito máis tranquilo, sínteste acompañado"

gori díaz_resultado
photo_camera Gori Díaz na Praza Maior. (Foto: C.C.).
Gori, como o coñecen en Verín, volve todos os anos ao casco vello da vila do Támega

Gregorio Díaz, máis coñecido como “Gori”, criouse no concello de Verín. Tras a súa xubilación, pasa tempadas en Barcelona, lugar onde marchou na busca de emprego, e na vila do Támega.  Entre as rúas do casco vello, Gori desfruta da tranquilidade e desconexión que lle ofrece Verín, vila que serve de encontro tamén de vellos amigos da capital catalana.

 

Por que volve todos os anos a Verín? 

Gústame este lugar, é a miña terra, estou moi cómodo, teño a casa familiar en pleno casco vello de Verín, teño familia e dende que me xubilei paso tempadas en Barcelona e outras en Verín.

 

Que diferenza Verín de Barcelona?

Hai diferenzas abismais, son dúas maneiras de vivir completamente diferentes. No edificio no que vivía en Barcelona eramos 20 veciños e non nos coñeciamos todos, o trato era de “buenos días y buenas tardes”. Aquí, no casco vello coñecémonos todos. 

 

Que ventaxas atopa no rural entón? E inconvintes?

Ventaxas moitas, a calidade de vida é maior, a calidade dos produtos tamén, a vida é moito máis tranquila, sínteste máis acompañado, a seguridade… Para min ten moitas ventaxas, pero claro, algúns inconvintes tamén ten. Por exemplo, se queres ir a un centro comercial grande, aquí non podes.

 

E que lle recomendaría a un turista para ver en Verín?

O casco vello, aínda que non está nas mellores condicións lamentablemente, porque ás veces os “burrocratas” dificultan que se poidan facer cousas.. Hai parte que non está arranxado pero é un lugar peculiar. Despois, as fontes e os manantiais, subir ata o Castelo de Monterrei, a ruta do río Támega… Para min é un sitio estupendo para pasar uns días, un turista que veña de fora para pasar catro días desfrutarao, é un lugar ideal.

 

Gustaríache acabar vivindo aquí?

Non mo podo plantexar porque a miña familia está toda en Barcelona, o fillo, os netos… Eles veñen pouco porque a xeración do meu fillo xa non colleu o ambiente en Verín. Sei que cando morra, a casa familiar venderase e comigo desaparecerá unha xeración, é unha pena, pero ata entón desfrutarei de Verín ao máximo. 

Te puede interesar