A historia de seis días de guerra en Verín

Reproducción dun grabado do mariscal Soult en Monterrei, co castelo ao fondo.
Esta fin de semana cúmprese o bicentenario da ocupación do Val de Monterrei polos franceses. O seguinte relato detalla os días da invasión, dirixida polo mariscal Soult, que despois sería derrotado en Oporto, non sin antes ocupar Verín e Chaves. Foron días nos que morreron miles de persoas, entre portugueses, franceses e españoles.
Despois do intento fallido de Soult para invadir Portugal polo Baixo Miño, este decide facelo polo Val do Támega cara onde se replegaran as tropas españolas de La Romana. O mal tempo reinante neste inverno galego, converte o traxecto nunha penosa marcha, retardada asemade polas accións dos guerrilleiros que lles van causando numerosas baixas.

A retagarda española de La Romana (coñecido xa en Galiza como o marqués das Romarías pola súa fuxida permanente) estaba composta de paisanos guerrilleiros que eran quen realmente lle plantaban cara aos franceses. Numerosas accións de atosigamento víñanse producindo ao seu paso polo Val Miñor, a Paradanta e outras comarcas galegas que se erguían ante os abusos e aldraxes dos invasores.
Na ponte de Xinzo de Limia caen mais de 300 paisanos producíndolle case 600 baixas ao inimigo, que resposta cebándose coa poboación da vila ao ocupar a mesma o día 23 de febreiro.

Nestas accións xérase a lenda do valeroso cazador de Pena que con 40 cartuchos matou 39 franceses, deixando un para el mesmo antes de ser capturado.

Dous días antes, Soult esixiralle aos rexidores de Verín 12.000 racións de pan, viño, carne e leña e, posteriormente, en Infesta faille a La Romana unha proposta de rendición e recoñecemento do rei José Bonaparte. A pesar do freo que as partidas guerrilleiras lle van poñendo aos franceses, estes xa instalan o seu cuartel xeneral en Vila de Rei o 5 de marzo, mandando reximentos de cabalería cara a fronteira e cara Laza nun movemen to envolvente para ocupar o Val de Monterrei.

O marqués de La Romana aínda está en Monterrei e desprázase a Oímbra onde pacta cos portugueses a protección para a súa retirada, que comeza de inmediato. Mais, a vangarda do exército francés entra no Val na madrugada do día 6 de marzo cando aínda a retagarda do exército español no seu replegue cara Puebla de Sanabria, aparece á vista dos franceses. Entón, o xeneral Franceschi decide mandar aos seus dragóns e cabalería lixeira contra ela. Era o reximento de Mallorca, procedente de Oimbra, e formado na súa maioría por soldados e paisanos mal uniformados e peor armados quen marchaba ao pé das estribacións do Pozo do Demo cando se produciu o ataque.

Cara as doce e media do mediodía, 1.500 franceses a cabalo envolveron a tropa española que, dispersa e con baixas, fuxiu cara os montes próximos (coñecidos aínda hoxe como a Fraga do Pendón) desde onde aínda hostigaron á cabalería francesa.

Segundo unhas fontes foron 400 os mortos españois mais o parte francés fala de que foron 100 os abatidos, ademais de prisioneiros e feridos. Os sobrevivintes reuníronse coas tropas do xeneral Mahy que de Osoño marchaban cara A Trepa. Neste lugar, tropas dos reximentos de Zamora, Aragón, 1º de Barcelona, provincial de Ourense, provincial de Tui, os restantes do de Mallorca e unha columna de granadeiros de Galicia, víronse envolvidos por catro reximentos de cabalería francesa da división Franceschi. O enfrentamento, que comezara ás tres e media da tarde, saldouse coa morte de 1.200 homes e 400 prisioneiros segundo os franceses e de 300 entre mortos e feridos, segundo os españois.

Ao tempo, desde as estribacións que se erguen rente ao río Búbal polo sur, entre 3.000 ou 4.000 soldados portugueses tentaban entreter ás tropas francesas e protexeren así a retirada espa ñola. O reximento nº 12 de Homens de Magalhães defendía a ponte de Vilaza con dous canóns cando as tropas francesas do xeneral Delaborde atacaron con dous reximentos de infantería. Os portugueses deciden retirarse cara a noitiña ante a chegada dun escuadrón de dragóns deixando no campo algunhas baixas e un canón.

Os franceses tiveron nesta acción 80 mortos e moitos feridos. A súa estancia de 12 días na zona de Vilaza quedou reflectida no libro parroquial con elocuentes calificativos como ‘infernal furia’, ‘homes demos’ ou ‘mala raza de tan vil canalla’ que ben poden describir o padecemento da poboación neses días.

Mentres as tropas españolas fuxían cara a Meseta, sacrificando numerosos homes, Soult entra en Portugal tomando sen resistencia a praza de Chaves o 11 de marzo. A derrota dos franceses en Porto polas tropas anglo-portuguesas, obriga a Soult a retornar polo Val de Salas en direción a Lugo. Isto posibilitaría a reconquista das cidades ocupadas e a expulsión dos franceses de Galiza.
As tropas españolas

O mando supremo tíñao Pedro Caro y Surena (marqués de La Romana) e eran outros mandos: brigadeiros Gabriel de Mendizábal, Francisco Gil Taboada, Marqués de Valladares e Antonio Darcourt; o tenente coronel de granadeiros Joaquín Ponze; os coroneis García del Barrio, Josef Quiroga y Quindós e Carlos de los Rios; os comandantes Félix Prat, Luis Miñano; o axudante Silverio Menduíña; o xefe de escuadra Juan Josef García; o capelán Antonio Campero; o xefe de guerrilleiros, José Montanos García de Arcucelos, de Laza.

E sumábanse ao redor de 9.000 homes, con dúas divisóns: a primeira, mandada polo xeneral Mahy e a segunda polo xeneral Gil Taboada. Outro continxente divisionario de avangarda, mandábao o brigadeiro Gabriel de Mendizábal, vasco, do exército da Xunta de Galiza.

Estaba o reximento de Sevilla El Peleador, o de voluntarios de la Corona, o reximento de la Princesa Reximento de la Victoria, os de Zamora, de Aragón e de León; o batallón de infantería lixeira de Barcelona; os reximentos de Hibernia, de Mallorca, do Príncipe R de Toledo, de Xirona; o batallón do Provincial de Ourense, batallón do Provincial de Tui; granadeiros provinciais de Galicia, paisanos guerrilleiros galegos e cataláns de destacamentos de cabalería.

O mando supremo detentábao o brigadeiro Francisco da Silveira Pinto da Fonseca, o axudante de praza José Pereira Soromenho, os tenentes coroneis Francisco Homem de Magalhães Quevedo Pizarro y José António Ferreira Montalvão.
Baixo o seu mando ían ao redor de 4.000 homes, os do Reximento de Infantaría nº 12 ao mando de Francisco Homens de Magalhães; o Reximento de Infantaría nº 24 Batalhão de caçadores de Montalegre. Os reximentos de Milicias das poboacións fronteirizas de Chaves, Lamego, Bragança, Mirandela, Vila Real e Moncorvo, así como paisanos en matilha.

Ás tropas francesas haberíalle que restar as que ían quedando nas prazas tomadas (en Vigo 2.000 homes dos xenerais Chalot e Limousin) e os mortos e feridos.

O mando supremo correspondía ó marechal ou mariscal Soult (tamén duque de Dalmacia) e, dentro dos estados maiores, figuraban 751 entre xenerais, comandantes, xefes, oficiais y alféreces; os suboficiais e tropa: 23.813 homes; de sanidade, intendencia e posta: 402 homes; tesourería: un pagador e empregados; e como carga para a munición, 10 mulas, 11 caixas de infantería e 75 carros de bois cargados de cartuchos.

A infantería da Primeria División formábana 6.000 homes, mandados polo xeneral de división Merle, co 4º Reximento de Infantería lixeira, o 15º Reximento de nfantería de liña, o 2º Reximento de infantería lixeira e o 36ª Reximento de infantería de liña.

A 2ª División, con 4.800 homes, estaba ó mando do xeneral de división Mermet, co 31º Reximento de infantería lixeira, o 47º de Infantería de liña, o 122º Reximento de infantería de liña e os 2º, 3º e 4º reximentos suízos.

A 3ª División, con 4.000 homes, mandábaa o xeneral de división Delaborde, co 17º Reximento de infantería lixeira, o 70º Reximento de infantería de liña e o 86º Reximento de infantería de liña.

A 4ª División, mandada polo xeneral de división Heudelet, tiña 3.200 homes, cos 15º Reximento de infantería lixeira; Tiradores da Garda de París; 32º Reximento de infantería lixeira; Lexión hannoveriana; 26º Reximento de infantería de liña; Lexión do Sur; 66º Reximento de infantería de liña e 82º Reximento de infantería de liña.

Una dotación de Cabalería, a 4ª división de dragóns, estaba integrada por 1.900 cabalos. Ó mando atopábase o xeneral Lahoussaye, coa Brigada Marisy: 17º Reximento de dragóns e 27º reximento de dragóns. A brigada Colaincourt: 18º e 19º reximentos de dragóns.

Había tamén unha 5ª División de dragóns con 1.000 cabalos, mandados polo xeneral Lorges. Formábana a brigada Vialannes: os 13º e 22º Reximento de dragóns. A Brigada Fournier: (enviada ao 6º corpo de exército).

Non hai que esquecer unha división de cabalería lixeira, con 1.300 cabalos e co xeneral Franceschi ó mando. Formábana o 1º Reximento de húsares; o 22º Reximento de cazadores; cazadores hannoverianos e o 8º Reximento de dragóns.

E finalmente, a artillería, con 1.150 homes (repartidos na infantería), 1 canón de 12 polgadas; 4 canóns de 8 polgadas; 1 canón de 6 polgadas; 14 canóns de 4 polgadas; 4 canóns de 3 polgadas e 4 obuses de 6 polgadas.
As baixas españolas en Ábedes foron 100 mortos (acoitelados os vestidos de paisano); numerosos feridos graves, entre eles Menduinha, axudante do xeneral Silveira e o capelán Antonio Campelo; e 100 prisioneiros entre os que se contaban o comandante Luis Minaya e todos os oficiais.

O libro de defuncións de Ábedes recolle catro días despois, a un franciscano, A. Veiga de Vilaza e Francisco N. Delgado como caídos na batalla da Fraga do Pendón. Na Trepa houbo 1.200 mortos e 400 prisioneiros (o parte oficial fala de 300 baixas entre mortos e feridos); dos feridos, 154 ingresaron no hospital de Monterrei.

En Chaves, houbo 500 prisioneiros de tropa, 2.000 (fontes portuguesas din 200) de milicias, 1.200 paisanos en armas e 50 canóns. Dos franceses, en Vilaza morreron 80 mortos e houbo moitos feridos polos portugueses.

A finais do ano 1808, o marqués de Santa Cruz estableceu en Mourazos (Verín) unha academia militar con efectivos do Batallón Literario da que sairon vinte oficiais para cubrir baixas do exército.

Cayetano Parada y Pérez de Limia, xuiz do Fragoso e nacido en Verín, organizou e financiou as alarmas e guerrillas que combaterían aos franceses e contribuirían á liberación de Vigo.

Te puede interesar