A música tradicional volve ás aulas en Castrelo do Val

As clases de música tradicional de Candaira, en Castrelo do Val.
photo_camera As clases de música tradicional de Candaira, en Castrelo do Val.
A Asociación Candaira iniciará o novo curso a finais do mes de setembro

A Asociación de música tradicional Candaira naceu en Castrelo do Val no ano 2010, coa finalidade de recuperar e divulgar a música tradicional pola comarca de Monterrei. Moitos foron os logros conseguidos dende ese ano e hoxe, Candaira goza de moi boa saúde e dunha vida moi activa. 

Máis alá de participar en numerosos festivais e eventos galegos, a Asociación Candaira, a través de Ramón López, ofrece variadas aulas relacionadas coa música tradicional. O obxectivo é asentar a cultura e tradición galega na comarca e inculcarlla aos mozos, para así lograr a súa supervivencia nos anos. 

Tras un verán intenso de actividade, Candaira volve á rutina e xa ten programadas as clases de formación para o curso 2023/2024. Os luns haberá grupo de pandeireta para cativos ás 19,00 horas, os martes será a quenda da iniciación a pandeireta para adultos ás 19,00 horas e o ensaio do grupo de pandereteiros de Candaira ás 20,00 horas. 

Xa o mércores celebrarase o curso de iniciación á pandeireta para cativos ás 19,00 horas e os ensaios de baile de Candaira ás 20,00 horas. Os xoves ensaiarán as pandereteiras O Casteliño ás 20,00 horas e os gaiteiros ás 21,00 horas, para rematar os venres coas aulas de pandereteiras de Candaira ás 20,30 horas. 

As persoas interesadas en participar nalgunha das aulas que oferta Candaira para este curso, deberán poñerse en contacto coa asociación, antes de que remate o mes, momento no que se espera iniciar as clases. 

Máis alá das clases que organiza a Asociación Candaira de Castrelo do Val, a vila de Verín acollerá outro ano máis unhas aulas de baile tradicional co artista Artur Puga. As clases realizaranse no Pavillón de Deportes todos os mércores e hai dúas modalidades: iniciación e ampliación. Os interesados en participar deberán inscribirse a través do teléfono 671 91 81 84 ou no correo electrónico [email protected]

Te puede interesar