Nova Era sonorizou a segunda xornada do FIC

06092020-IMG_1032_resultado

Como se facía antigamente, cando as pezas audiovisuais non tiñan son, a Banda de Gaitas Nova Era de Verín puxo o seu á segunda xornada de cine no Festival Internacional de Curtas FIC Vía XIV.  A peza escollida foi O carro e o home, unha película documental en branco e negro dirixida por Antonio Fernández-Román e guionizada entre Xaquín Lorenzo e o primeiro. A peza foi rodada en 1940 e estreada en 1945. Finalizada a súa rodaxe, a película quedou sen sonorizar e Xaquín Lorenzo gardou unha copia en Ourense, que se restaurou e sonorizou en 1980 grazas ao pulo de Eloy Lozano e á colaboración do Museo do Pobo Galego.

Esta foi a primeira das concebidas como "actividades paralelas" ao festival -inaugurado a última hora da tarde do sábado-, que se desenvolverán en varios días ata o vindeiro 13 de setembro. 

Unha vez máis, a organización do FIC quixo explorar a relación entre a música e o cinema, un dos eixos recurrentes ao longo dos cinco anos de vida do evento da vila do Támega. Para esta finalidade, Nova Era ofreceu unha proposta musical orixinal, alternativa e propia a unha curta documental.

A actuación musical, que arrancou ás 20,00 horas, foi presentada por Pepe Coira, prestixioso crítico, guionista e director cinematográfico galego.


O Entroido será protagonista


A terceira xornada do festival de curtas verinense comezará hoxe ás 16,15 coa proxección de Camiños de terra, realizado por tres mozos da vila e continuará coa exhibición de catro curtas dentro da categoría "Horizontes 2": Safiyyah, Jamila, Milk, The dishwasher y Beyond the glacier. Máis tarde, no mesmo recinto do auditorio, Frei Chitín -unha das persoaxes máis singulares do Entroido da vila á que dá vida Miguel Ángel Prieto Sotelo- ofrecerá un espectáculo que garantirá as risas do público co seu humor cheo de retranca e ironía.

Te puede interesar