Turismo

Oímbra ensalzou o rico potencial da Vía da Prata

Cecilia Pereira asegurou que a ruta da Vía da Prata tivo un crecemento do tres por cento no número de peregrinos

O concello de Oímbra acolleu durante a fin de semana varias actividades co obxectivo de promocionar a Vía da Prata. Os participantes recorreron a pé a Ruta dos Lagares Rupestres. Pola súa banda, nenos e maiores tamén disfrutaron na tarde de onte domingo de sendas actividades: Xogando coa natureza e Memorias de prata. 

Todas as iniciativas están enmarcadas dentro de Vive o Camiño que, impulsado pola Xunta de Galicia, pretende poñer en valor o patrimonio xacobeo na Via da Prata. Precisamente, por este motivo a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, achegouse ata este municipio para participar dos diferentes actos. 

"Esta ruta conta cun importante potencial de crecemento. De feito, este ano está a incrementar o seu número de peregrinos un tres por cento", salientou a comisaria. 

Ao longo do mes de outubro, Vive o Camiño chegará tamén a Verín -sábado 26- e Monterrei -domingo 27-. Os interesados en participar en calquera destas actividades poderán reservar praza chamando ao número de teléfono 722876073.

Te puede interesar