Rocío Domínguez: "Na granxa crieime feliz rodeada dos meus avós, cando veño aquí son feliz"

Rocío co seu marido e o seu can.
photo_camera Rocío co seu marido e o seu can.
Rocío e a súa familia volven cada verán dende Valladolid a Oímbra para desconectar da rutina e gozar da paz do rural

Rocío Domínguez viviu en Verín pero o seu corazón pertence á Granxa (Oímbra), aldea na que se criou e desfrutou da infancia. Agora, coa súa vida en Valladolid, seu marido e ela volven coas súas nenas sempre que poden para que elas coñezan os valores do rural e as raíces dos seus pais, un lugar de desconexión e paz.

Que a motiva a volver todos os veráns? 

Como vivimos cerca, vimos unha vez ao mes a Verín, principalmente porque están os nosos pais e demais familia. Gústanos vir porque desconectamos da cidade, da rutina de horarios e as nenas desfrutan de cousas que na cidade non é posible.

Que é para vostede este lugar?

Na Granxa crieime feliz rodeada dos meus avós, cousa que agora miñas fillas non poden facer por vivir fora. Cando vou á aldea son feliz ensinándolle as nenas tradicións nosas, ou o simple feito de coller unha zanahoria da horta e non mercala nun supermercado… Vir aquí é como vir a unha “granxa escola” (ri), e cando vives nunha cidade, isto valórase moitísimo.

Que diferenzas atopa coa cidade?

Moitas! Antes non valoraba todo o que nos ofrece o rural, ir a aldea e comer froita e verdura da horta, os ovos das pitiñas das avoas, bañarse no río… Agora doume conta que fun unha privilexiada en nacer e crecer na aldea. Non se pode comparar A Granxa con Valladolid, son totalmente vidas diferentes, pero loxicamente a cidade ofrécenos bos postos de traballo a min e a meu marido, hai máis alternativas educativas para cativos, máis ocio… Evidentemente, son moitas as diferenzas que hai entre o rural e a cidade.

Un pro e contra do rural?

O que máis agradezo eu é o feito de poder vivir sen horarios. Pola contra, a parte negativa é que aquí faltan certos servizos.

Unha visita obrigada na comarca?

O Castelo de Monterrei, os balnearios de Verín e, por suposto, o noso querido Entroido, é unha visita obrigada.

Gustaríalle volver nalgún momento para aquí?

Gustaríame volver na xubilación, pero agora mesmo non o plantexo porque é inviable, a nivel profesional non hai oferta/demanda, nin meu marido como enxeñeiro nin eu como funcionaria.

Te puede interesar