O IES Taboada Chivite de Verín potencia o galego a través de "21 días co galego"

21 dias chivite_resultado
photo_camera Os alumnos do Chivite nunha charla didáctica online. (Foto: cedida).
O instituto verinense realizou multitude de actividades durante estes 21 días

Dende o 22 de febreiro o IES Xesús Taboada Chivite de Verín sumerxiuse en "21 días co galego e +", un programa desenvolvido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, cuxa finalidade é potenciar e dinamizar o emprego da lingua galega entre toda a mocidade.

A través de diferentes actividades promovidas polo profesorado e os distintos departamentos do centro, o Taboada Chivite quixo "dalgún xeito facer máis potente o uso da lingua sen facelo por imposición, algo que non se debe perder e menos no ensino", salienta César Sánchez, director do instituto.

O transcurso deste "potente" proxecto tivo por protagonistas ás persoas maiores e a través de  videoconferencias, visitas de persoeiros coñecidos como Rubén Riós, traballos a través de Radio Chivite, colaboracións con outros centros ou concursos fotográficos, os alumnos deste instituto verinense potenciaron o emprego do galego. 

Dende o IES aseguran que a idea, ademais de dinamizar o galego como lingua vehicular, ten outra finalidade: "Queremos darlle dinamismo a vida no centro, algo que conseguimos e foi visible estes 21 días", conta o director.

Así, tras este período, este domingo, 14 de marzo, finaliza "21 días co galego e +", que Sánchez asegura que "serviu para potenciar o galego e enriquecer a vida no instituto con un montón de boas prácticas". 

Te puede interesar