Todo listo para as xornadas de Prehistoria, Arqueoloxía e Historia de Monterrei

O obxectivo destas xornadas é dar a coñecer a riqueza cultural do val de Monterrei

Este xoves dan comezo as xornadas de Prehistoria, Arqueoloxía e Historia nas Terras de Monterrei, unha cita de extensión universitaria que se prolongará durante os días 23, 24 e 25 de setembro.

O programa arranca ás 10,00 horas coa presentación do curso e a entrega de mención de honra ao profesor Antonio Rodríguez Colmenero, quen impartirá unha conferencia sobre o Larouco. O xoves continuará coa presentación da obra gañadora do Premio Xesús Taboada Chivite 2019, unha conferencia do profesor Rubén Castro e unha visita teatralizada polo castelo de Monterrei, ademais dun coloquio sobre historia e unha visita á igrexa de Mixós.

O venres comeza cun coloquio na aula arqueolóxica de Cualedro sobre o patrimonio da zona, acompañado dun paseo polos castros de Cualedro e San Salvador das Rozas en Medeiros. O punto final das xornadas será o sábado, cunha visita guiada ao conxunto arqueolóxico de Lobarzán e a ruta dos lagares rupestres de Oímbra.

“Na última década investigadores veñen realizando diferentes proxectos e postas en valor do patrimonio cultural da comarca”, aseguran dende a organización, por iso co lanzamento destas xornadas pretenden dar un novo paso e xerar un espazo de diálogo entre estudantes, investigadores, comunidade local e amantes da historia que queiran coñecer o pasado.

Te puede interesar