Verín ensina a actuar en situacións de emerxencia

20171003185858277_result
photo_camera Un momento da reunión que se celebrou no Concello con representantes dos centros educativos da comarca.

Protección Civil desenvolverá actividades entre os escolares da comarca

O Concello de Verín presentou onte aos centros educativos da comarca a segunda edición do seu proxecto educativo "ProtEduca", unha iniciativa que ten por obxectivo educar e sensibilizar á cidadanía ante situacións de emerxencia. No acto participaron a concelleira Cándida Couñado, o presidente da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Verín, Manuel Alfonso Araújo, e representantes dos centros educativos.

"ProtEduca" naceu en 2016 coma un proxecto de educación e sensibilización da cidadanía ante situacións de emerxencia, co obxectivo de dotar á poboación das habilidades necesarias para actuar ante calquera posible situación de crise ou emerxencia. Segundo sinalou Alfonso Araújo, "cambiar as reaccións das persoas ante o xeito de actuar nunha emerxencia é tan sinxelo coma practicar; todos somos quen de actuar con serenidade ante unha situacion de crise se temos interiorizados os pasos básicos que se deben dar".

A concelleira Cándida Couñago puxo de manifesto que este proxecto pretende un sistema docente ben organizado e estruturado á formación en emerxencias, que actualmente non está incluída no sistema educativo español como materia curricular. "Dende o noso punto de vista, esta carencia formativa é un erro, xa que deixa á sociedade desprotexida ante situacións de crise", asegurou.

As sesións formativas serán desenvolvidas nos diferentes centros educativos da comarca durante o curso escolar 2017-2018. Correrán a cargo de membros  da Agrupación de Voluntarios de Verín que, de forma altruísta, participan en Protección Civil para dar apouio á población en diversas situacións.

Os centros educativos interesados en participar neste proxecto deben inscribirse previamente no mail formació[email protected] ou no teléfono 636483340

Te puede interesar