PRIMARIAS EEUU

A bala máxica de Donald Trump

O candidato republicano á Casa Branca, Donald Trump, nun acto das primarias.
photo_camera O candidato republicano á Casa Branca, Donald Trump, nun acto das primarias.

Ted Cruz e John Kasich están xa fóra da carreira ás primarias republicanas, só queda Trump. A convención de xullo promete ser un cambalache para a historia.

O pai de Ted Cruz matou a Kennedy, ou polo menos saía nunha foto preto de Lee Harvey Oswald, o cal o converte automaticamente en sospeitoso de magnicidio. Así llo espetou Donald Trump a Ted Cruz o día antes de acabar coa súa carreira en Indiana. Trump é un mentirán patolóxico. Lle da exactamente igual o que diga porque sabe que, para certo público, vale absolutamente todo… e co de Kennedy non puido poñer un exemplo mellor. Por certo que Ted Cruz e John Kasich están xa fóra da carreira ás primarias republicanas, só queda Trump. A convención de xullo promete ser un cambalache para a historia.

Pero volvamos a Trump, Cruz e Kennedy, para entender un pouco máis o efecto Trump. JFK morreu en Dallas o 22 de maio de 1963. Como seguro recordan, o informe de 18.000 folios da Comisión Warren conclúe que Lee Harvey Oswald actuou só, fixo tres disparos  -malia que só atoparon dúas balas- e que esas tres balas foron as que provocaron as oito feridas que mataron a Kennedy e feriron ao Senador John Connally. A teoría da “Bala Máxica”.

Todo isto está narrado na película de Oliver Stone, JFK, que, erros á marxe, deixa meridianamente claro como o resultado deses 18.000 folios é unha enorme patraña. Ou iso, ou poden crer que unha bala entrou en traxectoria descendente polas costas de JFK e saíu en traxectoria ascendente polo pescozo. Logo a mesma bala entra pola parte dereita das costas do senador Connally, sae pola parte esquerda, xira para atravesar a boneca dereita, logo volve xirar para acabar na perna esquerda, para finalmente aparecer na angarela onde o atenderon no hospital. Espectacular. 

Pois esta teoría (hoxe rexeitada por case o 90% dos americanos) era a versión oficial do asasinato máis importante da historia dos Estados Unidos. Só pensar que algo así podería “colar” á opinión pública resulta groseiro… pero a realidade é que colou. Máis tarde, no 1979, o Comité Selecto da Cámara para os Asasinatos (aberto no Congreso dos EE.UU. para esclarecer as mortes de JFK e Martin Luther King) criticaría con dureza as conclusións da Comisión Warren. 

A lección en todo caso está clara, se o público cree algo así, significa que está predisposto a crer calquera cousa. Trump o sabe, e xoga con iso. Ao mellor dentro de 50 anos, como pasou co asasinato de JFK, resulta que a xente se da conta que era todo un grande engano, pero iso da igual. O obxectivo estaría cumprido.

Hai unha teoría da comunicación de masas que xurde a finais dos anos 30 que se chama precisamente a teoría da “Bala Máxica”. Sostén esta teoría, que as persoas permanecen pasivas e aceptan a información presentada polos medios, no canto de ter un pensamento crítico e investigar. Nesta teoría, os que lanzan as mensaxes (Trump ou a Comisión Warren) “disparan á cabeza” a información aos espectadores a través dos medios de masas. Desta forma lles chega directa, coma un disparo, e os deixa sen capacidade analítica. Realmente o que fixo a comisión Warren foi exactamente iso, con todo o seu poder mandou unha mensaxe inverosímil a través dos medios que a cidadanía mercou sen rechistar. Se o nome da “bala máxica” no asasinato de JFK llo puxeron como aceno a esta teoría da comunicación xurdida 30 anos antes da morte de Kennedy, xa me parecería dun descaro e unha maquiavelia espectacular… pero todo pode ser.

En todo caso esta teoría da comunicación está xa superada, ainda que a esencia poida ser aplicable. Hai outra teoría: a do caramelo. Tes un caramelo que ten un sabor horrible e outro que é unha marabilla. Envolves o malo da forma máis atractiva posible e o outro nun papel de estraza, resultado? A maioría se decantará polo peor caramelo, e unha vez probado, irán ao bo. Pero que pasa se non hai unha segunda oportunidade? Que quedas co malo porque estaba mellor envolto. Trump, mediaticamente está moito mellor envolto que os demais candidatos, domina o medio, e cunha linguaxe de matón de colexio está proxectando a súa mensaxe como as balas, directamente na cabeza dos republicanos con menos capacidade de análise. Acabou con todos os que estaban na carreira con el, o cal di ben pouco tamén dos seus opoñentes. Se antes era perigoso agora é perigoso e está armado cunha bala máxica. Veremos se os americanos aprenderon a lección de JFK.

Te puede interesar