FESTIVIDAD

San Patricio no deserto

San Patricio (Saint Patrick) non foi un mártir. Morreu de vello pero si que tivo unha vida con penurias, cousa certamente previsible se naces preto do século IV en terras da Britania.

Disque veu a este mundo preto do Muro de Adriano, que marcaba a fronteira norte do inmenso Imperio Romano. Na súa mocidade foi secuestrado polos “escotos” e levado a Irlanda onde foi prisioneiro por seis anos. Unha noite tivo unha visión. Viu un barco que agardaba por el para escapar da illa, e con esa determinación escapou dos captores e andou case 300 quilómetros cara o sur onde atoparía un barco que o levaría á liberdade.

Tódalas datas e lugares que percorreu San Patricio son realmente vagas nos textos que deixou. Si se sabe ben, por contra, que voltaría a Irlanda para espallar a fe católica nun lugar dominado polos druídas ate daquela. Formou un clero local, fundou as primeiras comunidades cristiás e fixo desaparecer as serpes da illa. Ben, isto último foi realmente un efecto natural de cando Irlanda se separou fisicamente do que hoxe é Inglaterra logo da derradeira glaciación… pero bueno, imos dalo como milagre. O feito é que en Irlanda non hai serpes. Onde si as hai é nos Estados Unidos… e irlandeses tamén, a moreas. Tanto que o día de San Patricio é unhas das festas grandes en cidades coma Boston ou Nova York.

Emigracions

Houbo dúas grandes emigracións irlandesas aos Estados Unidos. A primeira comezou cando aínda non existía este país como tal, no século XVI. Os irlandeses que chegaron daquela eran realmente escoceses que viñan de Irlanda. É por iso a estes primeiros irlandeses se lles chama aquí “Schotch-Irish”, estes pioneiros eran presbiterianos. Para ver a pegada verde en Boston non hai máis que mirar para o equipo de baloncesto. Os Celtics -os Celtas- e o seu símbolo é un trevo, como o de Irlanda. Segundo a lenda, o do trevo tamén foi cousa de San Patricio. Na súa infinita paciencia estaba o santo intentando explicarlle aos celtas o que era a Santísima Trindade -abofé unha tarefa complicada-. O santo mirou para o chan e viu un trevo -Shamrock , para os irlandeses- e dixo: “A Santísima Trindade é coma un trevo, unha folla é o pai, outra o fillo, e outra o Espírito Santo, tres follas pero unha mesma planta”. O trevo pasaría a ser o símbolo dos futuros irlandeses.

A segunda ondada de inmigrantes chegou na primeira metade do XIX e viñan fuxindo da fame que asolou Irlanda entre 1845 e 1852. Foi tal a carencia que aínda se lembra hoxe no país como un fito de primeira magnitude. Esta segunda fornada eran na súa maioría católicos e se estableceron nos portos de Nova York e Boston. O que máis sona ten nos Estados Unidos son dous colectivos sociais a priori antagónicos: a mafia e a policía. A mafia irlandesa é a máis antiga do país. Máis incluso que a italiana, e aínda que moito menor en número no século vinte, nos perigosos anos 70 eran quen de disputarlle a hexemonía do crime organizado na cidade ás “5 familias”. Mickey Spillane primeiro e James Coonan despois foron os donos de “Hell´s Kitchen” (A cociña do inferno), zona agora situada no carísimo barrio de Chelsea. Non é o que era…nin moito menos. Os irlandeses tamén controlaban a policía de Nova York. En 1960 o 42% dos “Blues” eran de ascendencia irlandesa. Tiñan tamén poder político a tódolos niveis pero iso si vivían noutro sitio, en Bay Ridge, moi ao sur de Brooklyn, lindando coa ponte de Verrazano que conecta o continente con Staten Island.

Seguramente San Patricio non era consciente da lea que se ía montar anos despois a seis mil quilómetros de distancia na súa honra, e que bandas de gaitas de tódalas nacións celtas -Galicia incluída- ían desfilar na súa honra por una cousa que se chama a Quinta Avenida, que na época de San Patricio estaría posiblemente preto da vía Apia, en Roma, e non Nova York. Pero ten sentido que sexa aquí. Os influíntes irlandeses conseguiron construír na milla de ouro da cidade o templo católico máis grande dos Estados Unidos en honra do seu patrón: Saint Patrick's Cathedral.

Un día antes do desfile houbo unha xuntanza de Estado. Trump con Enda Kenn, o primeiro ministro de Irlanda. Agora mesmo 35 millóns de americanos están considerados descendentes de Irlandeses, e Kenn encargouse de recordarllo a Trump xusto o día despois de que un xuíz federal en Hawai paralizara de novo o proxecto Trump de pechar fronteiras contra os musulmáns.

Faloulle claro e a cara, dicíndolle que os irlandeses son un exemplo das cousas grandes que fixo a emigración neste país, pero non lle puxo o exemplo do trevo. Pola cara de Trump ten pinta de que San Patricio desta volta estaba predicando no deserto.

Te puede interesar