O acondicionamento da praza de A Veracruz vaise adxudicar nun prazo de 15 días

Unha comunicación chegada da Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta confirmou onte ó alcalde do Carballiño, Carlos Montes, que nun prazo inferior ás dúas semanas estarán adxudicadas as obras de urbanización do contorno do templo parroquial de A Veracruz. Según indicaron fontes do citado departamento autonómico, ‘foi tan elevado o número de empresas que se interesaron neste proxecto que o periodo de avaliación das propostas está alongándose máis do normal’.
Concretamente, son 45 as entidades empresariais as que optan a executar iste proxecto, ‘e nestes días rematará o estudio de tódalas plicas a fin de decidir a adxudicación’, apuntaron as mesmas fontes. A urbanización e embelecemento da praza lindante á igrexa deseñada polo arquitecto Antonio Palacios conta cun orzamento de 1,4 milóns de euros. O propio Carlos Montes recoñeceu que ‘a idea de traballar xunto dun dos monumentos máis emblematicos da provincia e destacados de Galicia, fai que sexan moitas as empresas interesadas nesta obra’.

Convenio

O rexedor carballiñés destacou que ‘o proxecto contempla a realización da que será a maior praza da vila e o maior centro público do noroeste ourensán, e contará co templo de Palacios coma vixía’. O orzamento de execución dos traballos será cuberto ó 100% pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, ‘tal e como se acordou hai un par de anos coa sinatura dun convenio por parte do Concello do Carballiño e o departamento de Política Territorial do anterior Goberno autonómico’, lembra Carlos Montes.


Te puede interesar