A apertura do parque de bombeiros aínda non ten data

O parque de bombeiros do Carballiño contará con 19 profesionais e dará servizo contra incendios e de xestión das emerxencias a 48.100 persoas de 19 concellos. En concreto, terá cobertura de intervención directa sobre os concellos do Carballiño, Beariz, Boborás, O Irixo, Maside, Piñor, Punxín, San Amaro, San Cristovo de Cea, Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón e Ribadavia.
Este parque do Carballiño será o cuarto da provincia de Ourense, xunto aos da Rúa, Verín e Xinzo, e o seu funcionamento está previsto ó longo do ano que ven, coa data por concretar, segundo indicou onte o delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, no transcurso da visita que fixo ás instalacións, xa prácticamente rematadas.

A súa construción e equipamento ten unha inversión de dous millóns de euros, financiados pola Xunta, a Deputación e os concellos implicados. A Administración autonómica asume o 50% do orzamento total, mentres que o organismo provincial achegará o 30% e os municipios o 20% restante.

O Concello do Carballiño proxecta reforzar este servizo coa creación dunha brigada que atenda outro tipo de emerxencias na comarca, para o que Protección Civil traballa na redacción dun informe sobre as funcións que asumirá.

Te puede interesar