O Centro de Innovación Tecnolóxica abrirá as súas portas neste mes con dous cursiños

Unha aula achega ós veciños de Boborás ó uso de internet

Concello de Boborás en cuios baixos ubícase a aula de informática. (Foto: M.P.)
O Centro de Modernización e Innovación Tecnolóxica (CeMIT) é un espazo gratuito e de acceso libre que o Concello de Boborás, mediante un convenio coa Xunta de Galicia, pon a disposición dos veciños para a súa utilización e formación en relación coas novas tecnoloxías. As instalacións, que ocupan un dos baixos da Casa do Concello, están dotadas de seis equipos informáticos con conexión á banda ancha, webcams, lectores de tarxetas, lectores de DNI electrónico, e nos que se executan os últimos programas e sistemas actuais.
O centro dispón tamén de impresoras e escáneres e conta cun ordenador funcional con dispositivos adaptados a persoas con problemas físicos, sensoriais ou intelectuais. 'Iste novo servizo ten como obxectivo que todos os veciños do municipio poidan facer un uso correcto del coa finalidade de que ninguén debe quedarse atrás no uso das tecnoloxías por falta de recursos ou de formación', subliña o alcalde, Cipriano Caamaño.

O responsable deste departamento, Xavier Vázquez, comenta que 'nun principio, a aula de informática estará a disposición das distintas asociacións, colectivos, desempregados, amas de casa, mulleres e persoas con discapacidade'. Istes grupos terán preferencia para axudarlles nos seus problemas e proporcionarlles formación en materia das novas tecnoloxías, 'de xeito que o seu uso sexa algo habitual, rompendo a fenda dixital entre a xente que é consumidora de productos tecnolóxicos e a que non tivo esa posibilidade', apunta o coordenador do centro.

Por outra banda, esta sección tamén dará servizo a profesionais, empresas e autónomos, empregados públicos e outros colectivos que estén interesados en disponer das instalacións. O centro poñerase en marcha neste mes de xuño coa actividade denominada 'Utiliza sen medo un ordenador persoal', que vai dirixida á xente que ten escasa ou nula experiencia no uso deste soporte informático, e terá unha duración de 10 horas, repartidas en sesións de 90 minutos.


ENQUISA 

Un segundo cursiño estará adicado á utilización do correo electrónico, para veciños que acaban de iniciarse na internet. 'Os dous cursos terán un carácter eminentemente práctico e levaranse a cabo en horario de tarde, de 16,15 a 20,15 horas, distribuíndose en función dos grupos e persoas que se inscriban', indica Xavier Vázquez. Nestes intres, o Concello de Boborás está a levar a cabo tarefas de divulgación do centro nas distintas parroquias do municipio, e tamén unha enquisa na que se está sondeando medio cento de accións formativas, 'para coñecer cáles son as máis demandadas pola poboación'. Ata o momento, e sen que a aula esté aberta, xa hai 30 veciños interesados en participar no programa de cursos, e Xavier Vázquez confía en que iste número se amplíe unha vez comecen as actividades, que son totalmente gratuitas. Estas están englobadas dentro do plan estratéxico Axenda Dixital de Galicia 2014.

Te puede interesar