A conselleira de Familia e Benestar presidiu a inauguración da primeira escola infantil do Carballiño

Beatriz Mato advirte que as garderías ‘non son centros de adoctrinamento dos nenos’

Montes semella bicar ó bebé que sostén Beatriz Mato, con Asunción Rivero mirando. (Foto: Martiño Pinal)
A primeira escola infantil para nenos de ata tres anos do Carballiño abrirá as súas portas na primeira quincena de agosto, tra-lo acto de inauguración que presidiu onte a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato. A conselleira sinalou que ‘istes centros non son para adoctrinar ós nenos, senón para que sexan felices seguindo unhas pautas educativas que vai elaborar a Xunta’. O alcalde, Carlos Montes, apuntou a necesidade ‘a medio prazo’ de abrir unha segunda gardería no barrio de A Uceira.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, sinalou onte que ‘as escolas infantís non poden convertirse en centros de adoctrinamento dos nenos galegos, senón en lugares onde poidan sentirse felices’, nunha declaración crítica alusiva ás ‘galescolas’ promovidas pola anterior Vicepresidencia da Xunta, que dirixía o nacionalista Anxo Quintana.

A responsable do departamento autonómico fixo estas manifestacións no decurso da inauguración da primeira gardería consorciada entre Xunta e Concello carballiñés, na que tivo a oportunidade de saudar ás nais e os nenos que participan no programa ‘Familias Madrugadoras’, pensado para conciliar a vida familiar e a laboral. Ó acto asistiron o alcalde, Carlos Montes, e a concelleira de Servizos Sociais, Asunción Rivero, así como ediles de tódolos grupos políticos da Corporación e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.

Colaboración Beatriz Mato adiantou que ‘o funcionamento interno destas garderías seguirá unhas pautas educativas que vai elaborar a Xunta proximamente’, tendo en conta que ‘o novo Goberno autonómico ten entre os seus obxectivos a incorporación da muller ó mercado laboral, e para elo son moi necesarios iste tipo de proxectos, que favorecen a estabilidade familiar’. A conselleira de Traballo agradeceu ‘a colaboración do alcalde, xa que nós apostamos por prestar axudas a tódolos municipios para que ningún deles se sinta discriminado’.

Carlos Montes, pola súa banda, destacou o crecemento poboacional do Carballiño, que xa supera os 14.000 habitantes, e apuntou a Beatriz Mato que, ‘a medio prazo, vai ser necesaria unha segunda gardería no barrio de A Uceira, na que viven 700 familias, e para a que xa dispomos dun terreo’.

CARACTERÍSTICAS

Un 90% das prazas están ocupadas

A escola infantil de Carballiño oferta cinco prazas para nenos de ata un ano; 24 serán para rapaces de un a dous anos e 20 para os de dous a tres anos. O centro disporá de persoal cualificado para atender ós alumnos, concretamente ‘dúas mestras, cinco educadores e unha persoa de servizos xerais estarán pendentes dos nenos en todo momento, dándolles a atención que merecen’, según indicaron fontes de Traballo e Benestar. As instalacións, ademais do mobiliario necesario contan cunha cociña completamente equipada e que supuxeron un investimento de 70.000 euros por parte da Consellería. A gardería, construida pola anterior Vicepresidencia e o Concello cun orzamento de 180.000 euros, dispón de 54 prazas para nenos de ata tres anos, das que xa están cubertas o 90%.



Te puede interesar