Unha campaña pretende convertir os telecentros en alternativa de ocio

O telecentro de comunicación do Carballiño, ubicado na Casa do Concello, acollerá o próximo 10 de decembro a presentación dunha unidade educativa encol da formación en liña e a distancia co que o Centro Multimedia de Galicia, dentro da campaña Comunícate, pretende dar a coñecer aos usuarios dos distintos telecentros de comunicación os recursos existentes neste eido.
Nesa unidade, que quedará accesible ao público dende a súa presentación, detállanse os principais conceptos e ofrécese unha explicación detallada das ferramentas de formación en liña e a distancia máis habituais.

Os titoriais foron creados co obxectivo de facilitar aos usuarios dos telecentros de comunicación (colectivos e asociacións, entre outros ) determinadas funcionalidades e potencialidades que se poden realizar dende os mesmos.

Campaña

A través da campaña Comunícate preténdese dar a coñecer todas as posibilidades que ofrecen os telecentros de comunicación para convertelos en puntos de referencia, dentro de cada concello, como lugares de encontro, de formación e de promoción do audiovisual galego.

O obxectivo de Comunícate é que os telecentros de comunicación se incorporen como alternativa habitual na axenda de tempo libre da cidadanía. Trátase de espazos acondicionados acusticamente e de estética particular que dispoñen de material informático, equipo de videoconferencia, material audiovisual, pantallas de proxección e de plasma, así como outros sistemas de control que permiten recrear diferentes escenarios en función da demanda dos usuarios.


Te puede interesar