A 'carreira pola lingua' convoca a 2.000 rapaces da comarca

Profesores dos centros escolares. (Foto: LR)
A vila do Arenteiro acollerá o vindeiro luns o 'Correlingua', unha carreira reivindicativa do idioma galego, que reunirá a máis de 2.000 rapaces dos centros educativos dos nove municipios da comarca e do colexio Otero Pedrayo de Amoeiro. O programa contempla un paseo con saída ás 11,00 horas dende o Parque municipal ata a Praza do Emigrante do Carballiño, atravesando as rúas máis céntricas.
Na Praza Maior está prevista, ás 11,30 horas, a lectura do manifesto gañador desta edición a nivel galego, que foi redactado por alumnos do Instituto de A Laracha, cun espectáculo de monicreques ó seu remate. Á mesma hora, pero na Praza do Emigrante, daranse a coñecer os gañadores dos certames de adhesivos e cartaces, e haberá un espectáculo de maxia a cargo de Martín Camiña.

Os profesores dos centros organizadores agradeceron a colaboración da Concellería de Cultura e das empresas de autocares do Carballiño. 'Sen o seu apoio non sería posible mobilizar a tantos estudantes dende as súas localidades de orixe', apuntaron.

Te puede interesar