Un certame fotográfico difundirá imaxes dos municipios agrupados en ‘Galicia Central’

Representantes políticos e técnicos dos catro concellos que conforman a primeira agrupación voluntaria de municipios que se crea en Galicia, Galicia Central, celebraron unha nova xuntanza en Monforte de Lemos.

Á reunión asistiron Román Rodríguez, concelleiro de Urbanismo en Lalín; José Manuel Dacal, concelleiro de Turismo no Carballiño; Anabel Ramos, concelleira de Medio Rural en Melide, e María Xosé Vega, concelleira de Promoción Económica en Monforte.

Nun primeiro acordo, promoverase un concurso de fotografía común ós catro concellos e cunha temática que recolla actividades lúdicas e festivas. Na xuntanza comezouse a traballar sobre as bases deste concurso, definíndose xa algúns aspectos do mesmo. Así, os participantes deberán presentar un total de oito imaxes, dúas de cada un dos municipios de Galicia Central.

Modelos

A organización concederá un total de catro premios con dotación económica á mellor fotografía individual de cada concello, e un premio para o mellor lote de oito fotografías. Os representantes e técnicos tamén acordaron crear unha imaxe corporativa que identifique á agrupación. Cada concello encargarase de elaborar dous modelos desta imaxe corporativa e, entre os oito resultantes, seleccionarase aquel que se considere máis apropiado.

Te puede interesar