o carballiño

Cervexa e salchichas na carpa do CD Arenteiro

Manuel Sotelo, Manuel Dacal e Francisco Fernández.
photo_camera Manuel Sotelo, Manuel Dacal e Francisco Fernández.
O club organiza unha festa para recaudar fondos para a actual tempada

A Praza do Emigrante será o escenario da terceira edición da Festa da Cervexa e Salchicha Alemá, que organiza o CD Arenteiro co obxectivo de recaudar fondos para a presente tempada de fútbol. Comezará o próximo venres ás 19,00 horas, e continuará nas xornadas do sábado e domingo ata a madrugada. Baixo a carpa que se instalará para a festa haberá animación musical e os asistentes terán a posibilidade de degustar a cervexa alemá, salchichas, hamburguesas e outros produtos. Os nenos tamén disporán dun inchable, entre outras atractivas ofertas.

A organización conta coa colaboración do Concello do Carballiño, participando onte na presentación o concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, xunto co presidente do CD Arenteiro, Francisco Fernández, e o vicepresidente, Manuel Sotelo. Dacal destacou esta actividade mediante a que o club recauda fondos ao mesmo tempo que contribúe a dinamizar a vila, manifestando o desexo de que acudan moitos visitantes ao Carballiño a disfrutar desta festa.

Francisco Fernández e Manuel Sotelo tamén animaron á participación veciñal, aclarando que, aínda que non supoña uns ingresos importantes para o club, sempre supón unha axuda, tal e como sucedeu nas dúas anteriores edicións, en que resultou un éxito de asistencia. Ao respecto aseguraron que quedaron moi satisfeitos das edicións anteriores, polo que decidiron continuar este ano.

Te puede interesar