A aportación municipal proposta será dun euro por habitante e ano

Os concellos da comarca financiarán a canceira

Cans custodiados, no Refuxio de Animais do Carballiño, ubicado en A Medela. (Foto: MARTIÑO PINAL)
O padroado do Refuxio de Animais do Carballiño estará integrada polos nove municipios da comarca, unha vez que os alcaldes respectivos asumisen a súa participación no financiamento das instalacións, que na actualidade cobixan a un total de 183 cans.
O acordo cos restantes concellos foi anunciado onte polo edil de Medio Ambiente, Bernardo García, quen indicou que 'o apoio de toda a comarca é fundamental e lóxico, sobre todo tendo en conta que unha boa parte dos animais son recollidos fóra do Carballiño'. Así, a hixiene, a alimentación e os coidados sanitarios dos animais estarán garantidos no futuro, 'xa que a Deputación provincial aporta o persoal (un veterinario e dous operarios)', engade o concelleiro.

Cada un dos municipios deberá ingresar no momento de asinar a adhesión ó padroado a cantidade de 1.000 euros, mentres que a axuda económica anual que propón o Concello carballiñés é dun euro por cada habitante, seguindo o exemplo da canceira comarcal existente en Santiago de Compostela. 'Será o novo equipo de goberno que saia das eleccións do vindeiro domingo o que se encargue dos trámites pertinentes', indicou Bernardo García.

Por outra banda, un dos obxectivos do padroado é que a poboación da comarca se conciencie de que a adopción é a saída natural dos animais do refuxio. Ó respecto, os datos do último trimestre reflexan unha porcentaxe de adopcións perto do 40%, mentres o número de baixas foi de 36 cans por morte natural.

A fin de promocionar que os veciños recollan animais para coidalos nos seus domicilios, a Concellería de Medio Ambiente instalará na tarde do vindeiro sábado un sistema de cámaras de vídeo no refuxio de A Medela. O obxectivo é que os clientes do centro comercial Carrefour teñan a oportunidade de elexir en directo as súas mascotas preferidas ó traverso dunhas pantallas colocadas na entrada deste establecemento, ubicado en Barbadás. Bernardo García tamén adiantou a promoción dunha campaña para que os propietarios de animais os teñan debidamente identificados.

Te puede interesar