A escritora viguesa proclamouse gañadora do certame coa obra 'Cara a Tiananmen Square'

Cristina Pavón recibe en Maside o Premio de Narrativa Breve

David Otero, Rubén Anido, Cristina Pavón, Josefa Blanco, Clara do Roxo e Celso Fernández, alcalde de Maside. (Foto: M. PINAL)
A Casa da Cultura de Maside acolleu onte o acto de entrega do Premio do Certame Nacional Galego de Narrativa Breve 'Modesto Rodríguez Figueiredo'. Organizado pola Fundación Pedrón de Ouro e o Concello de Maside, o galardón destá dotado con 1.000 euros e nesta edición recaeu na escritora viguesa María Cristina Pavón Mauriz, pola obra 'Cara a Tiananmen Square'.
A obra gañadora presenta un monólogo de Moncho, un galego falante dun básico chinés que fai un percorrido por Beijing, nunha atmósfera abafante, ata unha tenda de Zara na que vai pedir traballo. María Cristina Pavón, a autora, é profesora do IES Teis de Vigo, ten recibido outros premios literarios con anterioridade e foi finalista do certame García Barros e Xerais de Novela, entre outros.

Ademáis, entregáronse dous accesits, dotados cada un con 400 euros, para as obras O cabaleiro, a dama e o dragón, de Rubén Anido Regueiro, e Art-Déco, de Clara Isabel Rodríguez Giráldez (Clara do Roxo).

O Premio Modesto R. Figueiredo foi creado no ano 1975, está aberto a textos en lingua galega, dun máximo de 30 páxinas e nestes anos serviu para dar a coñecer autores como Xavier Alcalá, Suso de Toro, Tucho Calvo ou Xosé Manuel Martínez Oca. Á edición de 2013 presentáronse 61 obras.

O xurado desta edición estivo integrado por Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo, escritor e filólogo; Luis González Tosar, profesor de Lingua galega, escritor e presidente do Pen Club galego; Cesáreo Sánchez, escritor e presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega; Isidro Novo, escritor, e David Otero, secretario do Padroado da Fundación Pedrón de Ouro.

Te puede interesar