TERMALISMO

Un curso impulsa os dous proxectos termais na vila

<p></p>
photo_camera Manuel Pardo, responsable de Presidencia, Nava Castro e Francisco Fumega, na inauguración.

Nava Castro, directora de Turismo da Xunta, destaca a aposta do seu departamento polo sector

Os dous centros termais existentes no Carballiño están sendo obxecto de obras de ampliación, no caso das Caldas de Partovia, e da redacción dun proxecto para a mellora das súas instalacións, no caso do Gran Balneario, ámbolosdous co fin de adaptarse ás novas demandas dos usuarios. Este feito foi destacado polo alcalde do municipio, Francisco Fumega, no decurso da inauguración da décimo oitava edición do "Curso de Termalismo" que organiza a Universidade de Vigo.

O rexedor carballiñés engadiu que "a posta en valor destes dous balnearios vai atraer a máis visitantes e tamén vai aportar novos nichos de emprego para a nosa comarca e a provincia en xeral". Fumega estivo acompañado no acto celebrado onte na Casa da Cultura pola directora xeral de Turismo, Nava Castro, que foi a encargada de dar lectura á ponencia inaugural do curso. A representante da Xunta destacou a aposta do Goberno autonómico, xa que no Plan Termal, "xa se levan investido máis de cinco millóns de euros en 31 das 71 actuacións previstas", e citou os casos dos balnearios de Cortegada, Lobios e o futuro spa de viñoterapia en San Clodio.

Asemade, tamén suliñou a crecente oferta do binomio "termalismo-deporte", coa promoción dos balnearios de Arnoia, Laias e Lobios, "nos que adestran as seleccións olímpicas de remo e vela de diferentes países".

Te puede interesar