Dez actores competirán improvisando pezas de teatro no Carballiño

Trátase da final do Impromaxin que celebrou as primeiras rondas en Vigo, Santiago, A Coruña e Oporto

O Carballiño acolle o próximo domingo un novo evento cultural teatral: Impromaxin, unha competencia deportiva na que os actores de teatro improvisan pezas e pelexan por obter os puntos do público. A esta final chegan 10 actrices e actores escollidos entre 50 que participaron nas rondas previas de Vigo, A Coruña, Santiago e Oporto.

O show deportivo terá lugar no Auditorio Municipal Manuel María do Carballiño, ás 19,30 horas do 5 de decembro. A taquilla física estará aberta dende media hora antes e as entradas online están xa dispoñibles na web www.fetega.gal cun valor de 5 euros.

A actividade terá un preámbulo o día 4 de decembro cun encontro de improvisadores de Galicia e norte de Portugal que estará aberto ao público. Trátase de dúas xornadas nas que a Impro se fai protagonista  na vila do Carballiño.

A Improvisación teatral é un show de duelos de actores que se enfrontan a escenas improvisadas que deben desenvolver partindo do descoñecemento dun guión.

Este evento conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Cultura e a colaboración do Concello do Carballiño e está organizado pola Asociación Cultural Fetega e CouMedia. A Asociación Cultural Fetega é a esponsable da organización do Festival do Teatro Galego, e segundo o seu director, Carlos Ledo: “Hai moito eido cultural por traballar e nós nunca nos anclamos nun único xénero escénico. É ben certo que a través do Festival do Teatro Galego nos convertemos no único festival de teatro cen por cen de compañías galegas e en galego e somos recoñecidos por ese labor. Pero sempre somos sensibles a outras artes escénicas e a Improdeportiva é unha actividade con moito tirón entre a mocidade”, destacou.

Te puede interesar