Estudantes de Psicoloxía farán servizos sociais no Concello de Piñor

Os programas educativos e de asistencia social do Concello de Piñor veranse reforzados coa participación de alumnos da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago, en virtude dun convenio asinado entre a entidade municipal e a institución académica. 'O noso obxectivo é colaborar no proceso formativo deste alumnado, ofrecéndolles unha formación práctica en tarefas vencelladas coa súa especialidade', suliña o alcalde, Francisco Xosé Fraga.
O convenio ten inicialmente un carácter anual, pero pode prorrogarse en vindeiras etapas, e recolle a participación dun máximo de dous estudantes que levarán a cabo a súa laboura de prácticas durante dous meses, para logo ser substituídos por outros. Así, os alumnos de Psicoloxía axudarán ás dúas traballadoras (unha educadora e unha asistenta social) que coordinan na actualidade os servizos de Educación Familiar e Atención Psicoeducativa, o taller de Educación para a Saúde, a Escola de Familia e outros programas de reforzo escolar e familiar e de alfabetización de adultos, entre outros, nos que participa un cento de veciños de Piñor.

'A situación laboral está pasando por un dos seus tempos máis críticos, por iso é moi importante ter unha formación de calidade, e os alumnos universitarios, neste aspecto, terán unha aprendizaxe baseada na realidade social actual', apunta o rexedor, Francisco José Fraga.

Te puede interesar