O CARBALLIÑO

A Festa do Pulpo estará adicada a Asturias na súa 57 edición

O Concello do Carballiño volveu encargar o deseño do cartel da Festa do Pulpo á artista plástica Ari Quintas 

O Concello do Carballiño dedicará a LVII Festa do Pulpo, que se celebrará o 11 de agosto, a Asturias. Esta decisión obedece principalmente a que a comunidade asturiana, ademais de estar fortemente unida a Galicia por lazos históricos e de vecindade, e de contar con moitos emigrantes galegos, nunca foi homenaxeada nesta festa. E tamén a que nos últimos anos foise acrecentando considerablemente o número de asturianos que acuden á Festa do Pulpo, especialmente da cidade de Xixón. De feito, desde hai tres anos promociónanse viaxes en autocar desde esa cidade para asistir á festa, e incluso na edición do 2017 acudiu ao Parque municipal carballiñés a Banda de Gaitas de Xixón, que ofreceu un pasarrúas e unha actuación.

Por outra banda, tamén se está a deseñar o cartel da festa deste ano, cuxa realización voltou a encargárselle á artista plástica carballiñesa Ari Quintas, autora do cartel da pasada edición, dedicada ao Centro do Carballiño en Bos Aires, e que tivo moito éxito.

As dedicatorias comezaron no ano 1987, e a primeira foi aos emigrantes galegos en Arxentina, e desde entón o Concello do Carballiño foi homenaxeando a distintos países, cidades e vilas, así como a colectivos vencellados dalgunha maneira á Festa do Pulpo.

Te puede interesar